Os sindicatos reclaman ao Sergas probas preventivas da COVID-19 ao persoal

(Europa Press)

Piden á Xunta que asuma a súa responsabilidade na xestión da crise.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, coincide coas profesionais sanitarias galegas na necesidade de adquirir material de protección, nomeadamente máscaras, para a prevención de contaxios pola COVID-19.

O pasado domingo o xefe do Executivo afirmou que o Ministerio de Sanidade só enviara unhas 10.000 a pasada semana, 27.000 sumando as previas. En tanto, a delegación do Goberno anunciou que se distribuíron 117.907 desde o 10 de marzo. Na segunda feira fixo entrega de 58.000 maís, que o Goberno galego considera insuficientes. En tanto, Núñez Feixoo anunciou a compra de 8 millóns de máscaras, o acceso a 70.000 a través do Goberno vasco e o medio millón coas que conta o Sergas na súa reserva.

Ao tempo, o presidente admitiu o pasado domingo que a falta de material supón "arriscar" o persoal do Sergas, mentres onte cifrou en 125 as profesionais sanitarias contaxiadas por coronavirus, 9% do total de casos no pais. Desde a CIG, CCOO e UXT alertan de que as probas de detección da enfermidade só están a realizarse ás traballadoras que presentan síntomas, cando recentes investigacións confirmaron que unha persoa asintomática pode espallar o virus. Por iso, reclaman que se realicen test cunha finalidade preventiva ao persoal. 

Máis persoal e material

O Executivo galego comprometeu a chegada esta semana de 8 millóns de máscaras. Mentres, sindicatos como CCOO reclaman que distribúa o medio millón que o Sergas ten en reserva e do que informou o propio Núñez Feixoo o pasado domingo. "Eses medios botáronse en falta en todo o sector sanitario, pero tamén no sociosanitario, nas residencias de maiores", asegura o responsábel de sanidade de UXT, Javier Martínez, a Nós Diario.

Así pois, os sindicatos reclaman que a Xunta comparta as cifras exactas dos subministros dos que dispón. “A Consellaría non pode pedir a confianza do persoal se este carece de información ou medios, e a sensación é de falta de protocolos claros e unificados nos usos dos Equipos de Protección Individual (EPI)”, explica a representante da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a este medio.

Onte, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellaría de Sanidade, Xurxo Hervada, informou de que se traballa para "minimizar" as "exposicións de risco" dividindo as profesionais en grupos, evitando o seu contacto ou rotando o persoal.

"Fixáronse estas medidas, mais nós reclamamos o incremento do persoal e que estes cambios se adapten para que as traballadoras poidan descansar", reclama a voceira de sanidade de CCOO, Emilia Lamas en conversa con Nós Diario

Medidas insuficientes

Paralelamente, a delegación na Galiza do Confederación Estatal de Sindicatos Médicos anunciou na xornada de onte que non descarta emprender accións legais contra a Xunta despois de constatar "o incumprimento da Lei de Riscos Laborais" por parte do Sergas, ao ter que traballar as profesionais sen a máis mínimas medidas de  protección".