Social

Traballadoras do 061 de Lalín denuncian que hai material de protección só para dúas saídas máis coa ambulancia

Ambulancia do 061 (Nós Diario)
"Non sabes por onde che vai vir, calquera persoa cun mínimo de síntomas xa che dá medo", conta a Nós Diario un dos traballadores, técnico de ambulancias no 061 en Lalín. 

Na tarde desta sexta feira, as traballadoras que saen coa ambulancia do 061 na base de Lalín teñen material de protección para saír a dous servizos máis nos que sexa necesario empregar estes equipos para evitar o contaxio do coronavirus. "Despois teremos que paralizar a ambulancia, e estamos a punto de chegar a iso", asegura un dos técnicos de ambulancias a Nós Diario. As súas denuncias e reivindicacións tamén están a suceder noutras bases do 061 do país.  

"Non sabes por onde che vai vir, calquera persoa cun mínimo de síntomas xa che dá medo", explica este técnico que leva traballando desde 1998 en ambulancias e "nunca" vivíu unha situación de "medo" e "desesperación" semellante. "Nin coa gripe A nin co ébola", lembra, aquilo tivo menos presenza nos medios e estaba "máis lonxe". 

Este traballador relata a Nós Diario que é o médico que está na centralita do 061 "o que nos indica se nos temos que protexer ou non" con cada paciente. O protocolo é así. Mais este técnico de ambulancia sostén que "ante a túa propia seguridade, protéxeste igual cando ves alguén co menor síntoma". "Se che toca un enfermo respiratorio pensas, terá ou non terá? Que fago?", conta. 

Moitos compañeiros e compañeiras estano pasando moi mal. Coñezo dous que levan todo o mes sen durmir na casa porque teñen medo de contaxiar á familia

"Moitos compañeiros e compañeiras estano pasando moi mal. Coñezo dous que levan todo o mes sen durmir na casa porque teñen medo de contaxiar á familia. Non se achegan nin aos pais nin aos fillos. Non se poden arriscar a meter isto na casa", describe a Nós Diario desde Lalín este traballador. 

Agora mesmo depende de se os hospitais poden prestarlles equipos de protección, pois na base de Lalín non hai recambios. Ademais, fai fincapé en que esta situación pon de manifesto a "precariedade" derivada de "privatizar" servizos como o das ambulancias: "Tiñamos que depender directamente da Administración. Isto non pode estar privatizado". 

Agora mesmo depende de se os hospitais poden prestarlles equipos de protección, pois na base de Lalín non hai recambios.

Este técnico de ambulancia lembra que non é posíbel manter os dous metros de distancia de seguridade cos pacientes. "Cando tes un encamado, por exemplo, tes que case abrazalo para levalo á ambulancia. Aí non hai distancia que valga", afirma, para facer fincapé en que agora mesmo teñen un material que non saben se é bo: "Déronnos esas batas que se empregan nos hospitais para visitar pacientes illados, que están moi ben para iso, pero son moi finas e se tes que baixar a un doente dun terceiro piso polas escaleiras vanse romper, porque rompen co contacto". 

Na súa empresa son "oito traballadores", polo que "non é doado facerse con material, non hai". Incluso teñen que lavar eles os seus uniformes, porque non contan con lavandería. "Isto pásanos porque volvemos ao minifundismo. Á nosa empresa non lle dá para máis. Non ten capacidade. Antes na área sanitaria de Compostela había dúas empresas para o sector e agora son cinco. En Silleda teñen sorte porque están nunha empresa máis grande e aínda van tendo material", abunda. 

Con todo, o traballador consultado por Nós Diario manifesta que non hai máis avisos que normalmente no 061 para a zona de Lalín porque "a poboación está un pouco asustada e non vai ao hospital nin ao PAC".