Profesionais da sanidade denuncian a falta de equipos de protección nos hospitais

Persoal sanitario advirte de que está a traballar sen o material de prevención necesario para enfrontar o coronavirus. (Europa Press)
Nin equipos de protección individual (EPI) suficientes nin, nalgún caso, máscaras. O Sindicato de Enfermaría (Satse) denuncia que o persoal deste e doutros colectivos profesionais sanitarios galegos está a traballar sen o material necesario, perante o "aumento da presión nos hospitais" polo incremento de casos de coronavirus, que onte acadaba na Galiza os 453 casos e as cinco persoas falecidas. 
 

Malia que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciaba nas últimas horas o reparto de case dous millóns de máscaras, a falta de abastecemento destes equipamentos, tanto para o persoal sanitario como para o que presta atención social, é un feito recoñecido, que esta semana levou a Xunta a reclamar con urxencia do Goberno central material protector que permita aos equipos profesionais seguir prestando a atención con rigor e sen risco de transmisión. 

A escaseza corrobórana profesionais sanitarias de distintos puntos da xeografía galega, que falan de "racionamento" dos equipos en centros de saúde como o de San Xosé, na Coruña ou o hospital de Montecelo, en Pontevedra. Neste centro hospitalario, membros da plataforma de Enfermeiras Eventuais en Loita advirten de que as máscaras cirúrxicas están "contadas", e que das PFF2, máscaras autofiltrantes, "non hai ningunha". 

"Imos moi escasos de material, temos o stock que temos e hai que afinar moito en que casos utilizalo, porque tes que aproveitalo ao máximo", concorda desde o centro de saúde de Matamá, en Vigo, o médico residente Álvaro Lamas, quen apunta ademais que na Galiza, aínda estamos nos primeiros estadios da pandemia, que non acadou a incidencia doutros puntos do territorio estatal.

En Ourense, o sindicato de Enfermaría remitiu nas últimas horas un escrito de queixa á xerencia do Complexo Hospitalario Universidario, o CHUO, onde critica que non se conte co material necesario para unha adecuada prevención, e criticando que "as normas de separación non existen". Segundo advirte,  o persoal da área ourensá "non está a recibir máscaras malia que as profesionais de planta están  sobreexpostas" á enfermidade.

O mesmo sucede, a ollos desta central, na Coruña, Compostela ou Ferrol, onde "as máscaras escasean, os lentes de protección recíclanse, as máscaras FFP2 están baixo chave e úsanse durante máis de oito horas" e, en xeral, o material raciónase. Segundo alerta, en Vigo "hai profesionais con síntomas –que estiveron en contacto con persoas contaxiadas– a quen non se lles fixo a proba de PCR" para saber se son  ou non portadoras do virus.

Sobre a situación na área de Lugo, o sindicato informa de que as plantas de hospitalización están cunha ocupación menor do normal" e que "só se está ingresando o imprescindíbel" para anticipar a chegada masiva de persoas con síntomas por coronavirus que requira a hospitalización.

Desde o Satse matizan que o abastecemento de equipos de protección individual é suficiente nos servizos "diana", caso da COVID-19, mais non ocorre así no resto, onde hai "escaseza" do material protector. 

Denuncia contra o Sergas por "expor" traballadoras embarazadas ou vunerábeis

O Sindicato de  Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) presentou na Inspección de Traballo unha denuncia contra o Sergas por "expor" ao coronavirus a traballadoras embarazadas, lactantes e con patoloxías crónicas. O colectivo reclama que o servizo sanitario galego adopte as medidas que se recollen no procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais aprobado polo Ministerio de Sanidade o pasado 11 de marzo e que, segundo advirte, non se está aplicando nestes casos.

"Somos conscientes da excepcionalidade da situación e as traballadoras da sanidade estamos a poñer todo o noso esforzo, mais non podemos asumir riscos engadidos", manifesta o sindicato, que reclama que este persoal vunerábel "pase  a gardar illamento no seu fogar", unha petición á que tamén se suma o Satse.