Sindicatos piden aos partidos apostar por un modelo público de residencias e anuncian que seguirán coas protestas

Protesta de persoal na residencia de Burela (Foto: Nós Diario)

Os sindicatos UXT, CIG, CC. OO. e CSIF convocaron esta quinta feira un encontro con partidos políticos, ao que acudiron PSdeG, BNG, Galicia en Común  e Marea Galeguista, para reclamar que nas propostas políticas e nas accións de goberno inclúan un modelo enteiramente público nas residencias e centros de atención dependentes da Consellería de Política Social.

O persoal dos centros residenciais de Política Social levan seis semanas protestando cada quinta feira polas súas condicións laborais e manterán as mobilizacións, avisou Emilio  Doforno, de CC. OO., se non reciben respostas.

A representante da CIG, Zeltia Burgos, destacou que están "en conflito laboral" porque ven os seus dereitos "recortados" desde 2012, unha situación que se intensificou coa crise sanitaria.

Neste momento, criticou, hai "unha precarización do público insostíbel" que "non se debe perpetuar". O modelo de Feixoo, criticou, é "poñer prazas públicas en residencias privadas", pero "iso non quere dicir que sexan públicas", porque "a xestión e os beneficios son privados". Isto, censurou, "é aproveitarse das persoas".

Pola súa banda,  Doforno acusou Política Social de tratar con "desprezo" as reivindicacións do colectivo e destacou que ao acto non asistiron representantes do PPdeG. "É de xustiza resolver un problema dos servizos sociais que se evidenciou moito máis coa crise da  COVID-19", dixo.

Lino Díaz, de UXT, tamén censurou que, a pesar de que se acumulan as semanas de protestas, "non teñen reflexo" na Xunta "máis aló de escoita activa que din ter na Consellería". Por iso, reclamou á conselleira, Fabiola García, que sente a "negociar" para "reverter este modelo".

En representación de CSIF, Montse Casal destacou que o modelo de xestión privada "está baseado na hostalería" e que a pandemia "demostrou que a profesionalización dos coidados é unha base moi importante para que as cousas saian ben".

Apoio político

As catro formacións políticas presentes no acto trasladaron o seu apoio ás demandas expostas polos sindicatos. En concreto, Matilde Rodríguez , do PSdeG, afirmou que os socialistas teñen "a firme promesa" de crear 2.000 prazas públicas "reais" e de "reverter" o modelo de Feixoo.

Polo seu lado, Montse Prado, do BNG asegurou que a súa aposta é por "un servizo público de benestar similar ao do Sergas", con "titularidade e xestión pública" e reclamar ante o Estado que se eliminen as limitacións na taxa de reposición.

A proposta de Marea Galeguista é "recuperar para a xestión pública a concertación coa privada" e crear unha residencia ou centro do benestar por cada comarca, indicou Luz Marcos.