Vigo, 27 de decembro, 20.00 horas

Sindicatos e oposición chaman á manifestación en defensa da Atención Primaria

Manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo. Foto: CIG.

O tramo final do ano evidenciou as consecuencias dunha década de retalladas na sanidade pública a cargo dos gobernos de Núñez Feixoo. Os médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo funcionaron como síntoma: os xefes de servizo dimitiron en bloque asfixiados polas condicións laborais e convocaron para esta quinta feira, 27 de decembro, en Vigon, unha marcha de protesta.
 

Detrás dunha pancarta coa palabra de orde Pola dignidade da Atención Primaria, a manifestación partirá ás oito do serán do punto de atención continuada (PAC) do antigo Hospital Xeral. A oposición parlamentaria -En Marea, PSdeG e BNG- sumouse ao chamamento, igual que os principais sinndicatos, colectivos de traballadoras e traballadoras e mesmo o Colexio de Médicos. O pleno municipal de Vigo adheriuse , iso si, sen o voto do Partido Popular.

 

Os 25 de 31 xefes de servizo que renunciaron ao seu cargo fixérono debido á sobrecarga de traballo e á saturación dos centros. Rexeitan seguir a “organizar a miseria” derivada das políticas da Xunta do PP ao respecto. E demandan recuperar a estruturas de xestión de primaria, estabilidade laboral e maior orzamento.

 

Que a Núñez Feixoo se lle abriu unha vía de auga na sanidade pública é claro. El mesmo o admite ao ofrecer escusas sobre a situación da Atención Primaria -“Facemos o que podemos”, chegou a dicir, como se as prioridades orzamentarias non dependesen del. Ou ao obrigar ao grupo parlamentario popular a botar o cadeado sobre a comisión de investigación nos recortes impulsada pola oposición.

 

De feito, En Marea, PSdeG e Bloque decidiron ausentarse da mesma. Os vetos a comparecentes importantes, como os familiares do paciente falecido no PAC da Estrada mentres agardaba ser atendido, esgotaron a súa paciencia. A oposición armou o seu propio órgano alternativo, malia os trancos da Presidencia do Parlamento e a ofensiva mediática da dereita ao respecto.

 

A manifestación será a enésima mostra de malesta profesional e cidadán coas retalladas económicas e a reorganización neoliberal da sanidade pública que o PP vén realizando desde que recuperou San Caetano en 2009. E que non lle saíron de balde: da consellaría do ramo os seus titulares adoitan saír pola porta de atrás, como xa lle sucedeu a Pilar Farjas e a Rocío Mosquera. Está por ver canto resiste o actual, Jesús Vázquez Almuiña