Persoal dos PACs protesta perante o Parlamento

Un momento da concentración do persoal dos PACS

A plataforma PACS en pé de Guerra vén de concentrarse perante o Parlamento de Galiza en protesta contra a falta de recursos humanos e materiais e demandando melloras no seu labor existencial. A protesta coincide coa Comisión de Investigación no Parlamento pola morte dun paciente no PAC da Estrada.

 

 

Ana Boedo, representante dos PACS en pé de Guerra, explica a Sermos Galiza que "principalmente queremos que sempre que haxa un médico haxa unha enfermeira. Que en todos os PACS haxa un equipo completo. Tamén, recuperar 20% dos complementos paralizados pola crise e que a nosa xornada sexa neutra. Cando temos unha baixa ou un permiso por enfermidade ou morte dun familiar temos que recuperar esas horas." 

 

A reposta da Xunta sempre foi que a sobrecarga de traballo dos PACS é debida a unha ausencia de persoal médico nos centros de Atención Primaria que no son capaces de supliren. Ante isto, Boedo replica que "é certo que hai falta de médicos, mais nós sobre todo o que pedimos é persoal de enfermería. No acordo de 2008 xa fan referencia a esta cuestión. Se dende o 2008 ao 2018 sigue a haber falta de persoal médico alguén que podía ter feito algo non o fixo".

 

Facultativos e usuarios son os principais afectados por esta situación, con persoal dos PACS que traballa até 48 horas seguidas debido a esa acusada ausencia de persoal médico. Igualmente, demandan que lles abonen as dúas comidas nas gardas de 24 horas, xa que até o momento só se vén abonando unha delas e que as reunións de traballo formen parte da xornada laboral, así como equipos de protección propios dos PACS.