Os xefes dos centros de Saúde de Vigo dimisionarios convocan unha manifestación “pola dignidade da Atención Primaria”

Imaxe dunha mobilización en defensa da sanidade pública.

Será o 27 de decembro.

Dimitiron en bloque o pasado 10 de decembro ante os “límites insostíbeis” aos que os recortes e políticas do Sergas levaron a Atención Primaria, Eran 22 xefes de servizo e de unidade na área de Vigo e a decisión levou a primeiro plano, mesmo fóra de Galiza, a precarización do sistema sanitario galego nestes anos.

 

Agora, e segundo informa Europa Press, estes xefes de servizo dimisionarios veñen de convocar para o vindeiro 27 de decembro, quinta feira, unha manifestación en Vigo baixo o lema “Pola dignidade da Atención Primaria”.

 

A mobilización, que partirá  ás 20:00 horas do PAC situado na Rúa Pizarro para pasar pola Praza de España, Gran Vía e finalizar na Farola de Urzáiz; tería o apoio de diferentes colectivos e entidades de defensa da sanidade pública.

 

Segundo EP, estes profesionais que decidiron dimitir tamén preparan un escrito polo cal solicitan o cesamento do xerente da EOXI de Vigo e da súa equipa directiva, aos que consideran tamén responsábeis da situación de deterioro da sanidade viguesa.