Sindicatos de RTVE piden "deixar sen efecto" o triunfo de Chanel no Festival de Benidorm

A artista Chanel, gañadora do Benidorm Fest (Foto: Joaquín Reina / Europa Press)
Solicitan investigar as "notábeis irregularidades" do certame ao tempo que gaban o labor dos profesionais do ente público que o fixeron posíbel.

A vitoria de Chanel no Benidorm Fest segue a dar que falar. Nas redes sociais, no Congreso dos deputados e Deputadas mais tamén no seo de RTVE.

Ás críticas da audiencia sumáronse as de BNG e Galicia en Común, que esta segunda feira presentan varias preguntas dirixidas ao Consello do ente público co ánimo de aclarar os criterios que se fixeron valer para escoller o xurado profesional, puntuar cada proposta artística e artellar o sistema de votación popular.

A esta recua de propostas hai que engadir agora as dos propios sindicatos de RTVE, que piden "deixar sen efecto" o triunfo de Chanel e investigar as "notábeis irregularidades".

"As presuntas irregularidades son importantes, tan notábeis que se debería deixar sen efecto a elección da canción que representará España no Festival de Eurovisión", explica o sindicato nun comunicado.

Máxima publicidade

"As distintas direccións implicadas deben aclarar, de maneira urxente, como e quen seleccionou ao xurado do Benidorm Fest. Coa mesma urxencia RTVE debe facer públicas as actas das votacións e as incidencias rexistradas, todas no seu conxunto. RTVE debe aclarar urxentemente as relacións entre membros do xurado e a cantante Chanel Terrero. Debe quedar claro se hai conflito de intereses, debe quedar claro o sentido do voto das persoas que, no xurado, teñen ou tiveron relación coa cantante gañadora do festival", asegura.

En conxunto, piden explicacións á televisión pública sobre os argumentos do xurado, as razóns que motivaron a súa elección e, de existir, os vínculos que os relacionan coa proposta gañadora.

Arredar o debate

Ao tempo que os sindicatos urxen respostas, desde RTVE defenden o sistema de votación do Benidorm Fest. Malia as críticas recibidas, a corporación pública asegura nun comunicado que "en calquera concurso competitivo son moitas as persoas que non ven cumpridas as súas expectativas. En todo caso, a grandeza de toda competición consiste en aceptar plenamente as regras até as súas últimas consecuencias".

RTVE recoñece a "controversia" sobre o procedemento escollido para elixir a representante de España no festival de Eurovisión, e con todo, considera "positiva" a experiencia. 

Neste sentido, destaca o seu compromiso "coa música española" e avoga por centrar os esforzos "á marxe de debates". "O máis importante nestes momentos é apoiar unidos a Chanel", declarou.

Recoñecemento profesional

Por outra parte, os sindicatos de RTVE non deixan escapar a oportunidade para eloxiar o labor dos profesionais da televisión pública estatal que participaron e fixeron posíbel o festival. Afastan o seu mérito da polémica e aproveitan o comunicado para "facer un recoñecemento moi especial ao conxunto de profesionais de RTVE que, cun excelente traballo, demostraron a capacidade de produción que ten a Corporación. A profesionalidade e calidade do traballo que se demostrou debe servir de punto de arranque para a RTVE que necesitamos".