Educación incrementa nun 25% as prazas de inspección após destruír 3.000 de docentes

Manifestación polos servizos públicos [SG]
O departamento que dirixe Jesús Vázquez presentou a convocatoria de prazas docentes no Parlamento hai dez días, sen negociar coas e cos representantes dos traballadores. Agora dalles a coñecer as mesmas cifras: alardea de crear 200 empregos após destruír por volta de 3.000


Se a consellaría de Educación se rexese polos mesmos criterios á hora de convocar prazas para persoal docente que para inspector@s a oferta pública sería de 7.000 empregos. Porén, será unicamente de 200. Namentres o departamento que dirixe Jesús Vázquez é responsábel da destrución de 3.000 postos, pretende incrementar o número de persoal de inspección nun 25%.

Así as cousas, após facer pública a convocatoria pública de persoal docente no Parlamento galego, sen sentar previamente a negociar coa mesa sectorial, a consellaría de Educación reuniuse esta quinta feira, ao fin, cos e coas representantes d@s traballador@s, que arremeten contra o goberno da Xunta por "vulnerar os órganos de negociación" e "impor o seu criterio".

As cifras son as mesmas: o departamento que dirixe Jesús Vázquez alardea da creación de 200 postos de emprego para persoal docente após ter destruído por volta de 3 mil, segundo os datos que manexa CIG-Ensino. Galiza quedou sen 12 centros de ensino e perdeu até 132 unidades con respecto ao curso pasado. As amortizacións de prazas por xubilación "cóntanse por miles" e nos orzamentos de 2013 recóllese a destrución de 315 empregos, que veñen sumarse aos 199 suprimidos xa antes do inicio deste curso académico.

A federación de Ensino do sindicato, con maioría no sector, insiste en que "estamos perante un verdadeiro ERE encuberto", e informan de que a consellaría convoca 22 prazas para inspección educativa, unha oferta que supón un 25% máis sobre as prazas existentes. "Se este mesmo criterio se aplicase ao persoal docente estariamos perante unha convocatoria de máis de 7.000 prazas". O sistema polo que se rexerá a convocatoria será o vixente a día de hoxe, incluído o temario, que data de 1993.

Na liña, reclaman as centrais sindicais unha oferta de emprego "que parta dunha negociación real", facendo fincapé na "necesidade" de incrementar o número de docentes en Educación primaria. Para alén do sinalado, CIG-Ensino reclama que a proba de galego sexa eliminatoria no suposto de que, como di a consellaría, non se convocarán prazas docentes nos outros territorios. Trataríase de evitar "o efecto chamada" e dar prioridade ao profesorado da Galiza.