A Xunta presume de "apostar polo emprego público" convocando 200 prazas docentes após destruír 3.000

Jesús Vázquez durante a comparecencia no Parlamento [Xunta de Galiza]
CIG-Ensino considera que a oferta lanzada é "raquítica", e arremete contra o conselleiro Jesús Vázquez por facer o anuncio no Parlamento, á marxe das mesas de negociación e sen sentar coas e cos representantes d@s traballador@s


"Raquítica e absolutamente insuficiente". Son os cualificativos que merece para CIG-Ensino a oferta de emprego público anunciada esta segunda feira polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, no Parlamento galego, á marxe das mesas de negociación e sen convocar @s representantes d@s traballador@s.

Denuncia o sindicato maioritario no ensino que o departamento de Vázquez "está a vulnerar os preceptivos órganos de negociación" ao facer pública na cámara a oferta de 200 prazas de profesorado para educación infantil e primaria, anuncio que a consellaría vende na súa páxina web como unha "aposta polo emprego público".

"Galiza pode presumir dunhas baixas taxas de temporalidade e non renuncia á estabilidade no emprego público", dixo o conselleiro, facendo fincapé nos avances na aprendizaxe de idiomas e na atención á diversidade. Porén, un informe realizado pola Mesa a finais de 2012 constatou como a Xunta do PP varreu a nosa lingua das aulas de infantil, pois só o 3% delas impartían as materias en galego, e só o 9% impartían "algo". Alén disto, o recorte de máis de 2.500 profesor@s na anterior lexislatura puxo en xaque xustamente a atención á diversidade e ás necesidades especiais.

Na CIG-Ensino colocan o acento riba da nova redución do persoal docente que prepara a Xunta e que vén sumarse ás xa realizadas e ás pretendidas para 2013, nomeadamente os 315 postos de traballo menos previstos nos orzamentos da consellaría de Educación. Na liña, consideran que 200 prazas son "absolutamente insuficientes", tomando en consideración a destrución de emprego executada desde 2009: os sindicatos contabilizan por volta de 3 mil postos dinamitados e a propia Xunta, malia rebaixar a cifra, recoñece que se perderon 1.125 profesor@s desde que o PP goberna.

Cómpre lembrar que en 2012, cando se anulou a oferta de emprego para ese ano, o conselleiro dixera que as prazas ofertadas se sumarían ás de 2013 e que faría xestións en Madrid para incrementar a taxa de reposición prevista.