O Sindicato Labrego Galego pide un informe da Reserva da Biosfera Terras do Miño sobre o impacto da factoría de Altri

Reserva da Biosfera Terras do Miño. (Foto: R. B. T. M.)

O SLG considera un radio de 30 quilómetros como a “contorna mínima” con presenza de gases “contaminantes” asociados á macrocelulosa da Ulloa

A responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e vogal no órgano consultivo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, pediu á Deputación de Lugo un informe precisamente da mencionada Reserva sobre o impacto que tería a macrocelulosa que proxecta a multinacional Altri na comarca da Ulloa.

Nun comunicado, a organización sindical explica que este estudo debería pormenorizar a afección desta planta nun radio de polo menos 30 quilómetros, ao consideralo a "contorna mínima" con presenza de gases "contaminantes" asociados a unha fábrica como a proposta pola compañía, que ocupará unha extensión de 366 hectáreas e vertería "30 millóns de litros de auga contaminada ao día".

"Este proxecto vai ter un importante impacto en varios concellos que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, por exemplo Friol e Guntín (comarca de Lugo) ou Guitiriz (A Terra Chá)", advertiu Prieto Ledo, asegurando que existe unha "preocupación cada vez maior" entre a veciñanza ante a posibilidade da instalación desta industria "depredadora de recursos naturais".

Prieto pediu un informe dos posíbeis impactos e afeccións nos concellos integrados na Reserva da Biosfera e que se presenten alegacións aos mencionados proxectos polo impacto que podería ter sobre o medioambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio.

O SLG tamén dirixiu un escrito á Consellaría do Medio Rural para solicitar información sobre o número e a orientación produtiva das explotacións agrogandeiras existentes no radio de afección da planta de Altri.