Sinalan a improvisación da Xunta na atención a alumnado ausente

Ensino semipresencial (Europa Press)
A CIG-Ensino advirte que a futura resolución para atender ao alumnado vulnerábel ou que convive con persoasl vulnerábeis deixa desamparados aos estudantes que fiquen menos dun mes no fogar. Cuestionan que a Xunta queira artellar a estas alturas do curso equipos provinciais de Atención Virtual ao Alumnado.

Nos vindeiros días, a Consellaría de Educación publicará no Diario Oficial da Galiza (DOG) unha resolución para a atención ao alumnado vulnerábel ou que convive con persoas vulnerábeis. Un colectivo que ficou desatendido no Plan Virtual da propia consellaría, como no seu momento denunciou a CIG-Ensino.

O sindicato alertou daquela que o alumnado que non acudía ao centro, por estar en corentena ou outros motivos, quedaba desamparado. A nova resolución, agregan, non emenda esta problemática.

"Non se prevé inicialmente unha ausencia das aulas inferior a un mes", sinalan, argumentando que o alumnado que quede no fogar un período de dúas semanas, o tempo habitual das corentenas, non podería recibir este recurso.

A resolución prevé que o apoio virtual que se ofreza a eses estudantes ausentes durante un mínimo dun mes proveña do profesorado da área ou materia. Se isto non é posíbel, o encargado sería un equipo de Atención Virtual ao Alumnado provincial de nova creación

Formación dos equipos

O sindicato cuestiona a formación destes equipos, expoñendo que non se pode modificar as condicións de traballo do profesorado máis alá do acordo da mesa sectorial nin superar as horas lectivas asignadas. A maiores, considera que estas agrupacións deberan responder ás áreas vinculadas ás propias sedes da Inspección Educativa, atendendo as áreas con máis alumnado e profesorado como A Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra ou Vigo.

"Estes equipos de atención virtual xa deberan estar en funcionamento desde hai tempo mais o que non e pode aceptar é que se pretenda que sexan algo que se vaia creando segundo avance o curso", afirman desde a CIG-Ensino nun comunicado no que critican a inconcreción que arrodea a composición e posta en marcha dos equipos.

"Para a CIG-Ensino este profesorado debera saír, en todo caso, das listas de substitucións e coas mesmas condicións que o profesorado que actualmente está en atención educativa domiciliaria. Moito nos tememos que tendo en conta os prazos e as propias prioridades de ser atendidos polo profesorado xa saturado no propio centro, a existencia destes equipos AVA provinciais vaia ser tardía e moi reducida, se é que chegan a formarse”, conclúen.