A CIG advirte do agravamento da fenda dixital e social que trae a teledocencia

Bermello compareceu onte na comisión parlamentar de reactivación pola crise da Covid-19, que dedicou a sesión á educación. (Foto: Nós Diario)
O secretario nacional de Ensino, Suso Bermello, avaliou na Comisión da Covid-19 a xestión educativa por parte da Xunta e, en particular, da Consellaría de Educación.

Melloraría de forma substancial a xestión da pandemia no ámbito educativo galego en caso dun novo confinamento? Estaríase hoxe en condicións de reverter a situación que se deu no terceiro trimestre do curso pasado e diminuír a fenda dixital e social que destapou a Covid-19, ou repetiríanse os erros? 

Ao responder estas preguntas e analizar o papel da Administración educativa galega fronte á pandemia, así como as necesidades deste ámbito de cara a un futuro marcado pola incidencia do virus ocupou o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, a súa intervención hoxe na comisión sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza que se desenvolve no Parlamento. 

Aos seus ollos, o percorrido dos últimos oito meses, malia os cambios no equipo da Consellaría de Educación, incluído o seu titular após as eleccións de xullo, non convidan ao optimismo, polo mantemento dunha doutrina que cualificou como do "custo cero" e explicou pola submisión da "presencialidade segura" á "contención orzamentaria", cun percorrido de "bandazos, incoherencias e cambios de criterio" por parte da Administración galega.

Dela, Bermello afeou tamén a "unilateralidade e a falta de negociación constante" na toma de decisións sen consulta previa e o "desprezo" cara á representación do profesorado e á comunidade educativa.  

A intervención tivo lugar nunha xornada dedicada ao ensino na que a Consellaría de Sanidade daba conta de 1.235 contaxios activos nas aulas, con suspensión da actividade en 53 delas. "Este tempo confirmou a presencialidade como elemento fundamental do proceso de ensino e de aprendizaxe", salientou o portavoz da CIG-Ensino, quen alertou tamén das desigualdades que destapou o confinamento da pasada primavera, como son a "fenda dixital e a fenda social, agrandados pola teledocencia". 

Para exemplificar o papel da Consellaría, naquela data con Carmen Pomar á fronte, Bermello tirou dos datos da enquisa realizada polo seu sindicato, con máis de 6.000 participantes, que apuntaban a unha sensación de abandono por parte do persoal docente, que en 95% das respostas definiu como "insuficiente" a actuación da Xunta e en 66% dixo non ter recibido orientación ningunha para o paso á teledocencia.

O inquérito, que segundo a CIG deixa patente tamén o "duplo castigo" que sufriu o alumnado con diversidade nesta etapa, constatou ademais as limitacións de comunicación entre profesorado e alumnado no confinamento –61% das respostas así o indican– ou as dificultades de seguimento desta modalidade educativa, ao destapar que nunha de cada catro aulas o alumnado foi menor a 30%. 

"Demasiada burocracia"

"A crise evidenciou e reforzou tamén o papel do profesorado no proceso educativo e sacou á luz as deficiencias dun modelo con demasiada burocracia que resta coordinación, formación e capacidade de traballo en equipo", advertiu Bermello.

Así mesmo, apuntou a principais eivas posteriores ás eleccións galegas, momento que serviu á Xunta para lanzar o primeiro protocolo de adaptación ao contexto Covid cara ao novo curso: incumprimento de acordos sobre seguridade sanitaria como o distanciamento interpersoal de 1,5 metros na aula –conseguido a posteriori para Secundaria, convocatoria de folga mediante–, baixada das exixencias de prevención por criterios "economicistas", falta de diálogo, insuficiencias na dotación de material de protección, "caos" no seguimento de casos e "opacidade" na súa xestión, aumento da burocratización ou un plan de ensino virtual presentado dous meses despois do inicio do curso e que deixa "todo pendente das direccións e do profesorado".

"As eivas do comezo da crise estendéronse estes meses e seguen marcando a realidade", censurou o comparecente, que debullou unha serie de "liñas a futuro", nas que destacou a rebaixa das ratios na aula, medidas para contar cunhas "aulas seguras" e o cumprimento das normas de saúde laboral do profesorado, así como unha maior capacidade de coordinación didáctica dos equipos docentes e transparencia nos datos epidemiolóxicos nas aulas e un estudo pormenorizado dos mesmos, "para ter conclusións de se as medidas foron un acerto ou unha temeridade" e tomar nota cara ao futuro.