Os centros deberán planificar en sete días as aulas virtuais para caso de confinamento

O plan da Xunta contempla confinamentos, mais non casos combinados de ensino presencial e en liña. (Europa Press)
O conselleiro de Educación presentou hoxe o plan de ensino virtual, que deseña o paso á teledocencia nos casos de confinamento dunha aula ou dun centro educativo, situación que xa acontece en medio cento de colexios e institutos. Eles serán os encargados, máis unha vez, de planificar as aulas. 

Con máis dun milleiro de casos en 536 escolas infantís, colexios e institutos, a Consellaría de Educación presentou esta segunda feira o seu plan de ensino virtual, dirixido a "adiantarse e estar preparados para actuar de inmediato nunha hipotética situación deste tipo", situación que, segundo os datos de 31 de outubro do propio Sergas, afecta xa 51 aulas e dous centros infantís.

O documento, pensado para corentenas ou confinamento total e previsto para implantarse desde terceiro curso de Primaria en diante, vai dirixido a proporcionar un sistema regrado e estábel de docencia virtual que ofreza ao alumnado rutinas similares ás do ensino presencial, con interacción entre o profesorado e o alumnado, a xestión das tarefas e a avaliación.

Unha semana de prazo

Para iso, Educación empraza os centros de ensino públicos e concertados para que elaboren no prazo dunha semana –a contar desde a publicación desta información no Diario Oficial da Galiza– un novo plan horario "semellante ao que se desenvolve en réxime de presencialidade", que permita pasar da docencia presencial á virtual. 

"Ante un escenario de pandemia que pode prolongarse no tempo, as familias deben saber que, no caso de que os seus fillos e fillas deban quedar na casa nalgún momento por confinamentos de maior ou menor duración, van contar cun plan de ensino virtual, completo, con horarios definidos, clases e tarefas organizadas", defendeu o conselleiro, Román Rodríguez, na presentación. 

Porén, preguntado ao respecto, o titular de Educación seguiu defendendo que os centros de ensino "non son lugares de transmisión" do coronavirus, malia recoñecer que a evolución dos últimos días –con 1.086 casos activos neste ámbito e perto de 9.300 no cómputo xeral galego– "está indo a ritmos que recomendan estar alerta".

Horarios espello e medios

A planificación que agora propón a Xunta prevé a creación de horarios "espello", adaptando a organización da aula ao modelo telemático mantendo a maior semellanza posíbel co modelo presencial, se ben non inclúe fórmulas para compaxinar o ensino na aula coas necesidades do alumnado que ten que illarse de maneira preventiva en espera dunha PCR ou por contacto próximo cun caso.

Neste sentido, recolle un reparto da carga lectiva do alumnado, que deberá destinar 60% ás clases en remoto e, o resto, ás tarefas e actividades que teña que realizar. Este horario, indica a Consellaría, deberá respectar o dereito ao lecer e ao descanso do alumnado. 

Segundo contempla o documento, o mesmo día en que se realice o fechamento da aula ou do centro a dirección deberá anuncialo e abrir unha aula virtual do centro de recursos e actividades iniciais, e deberá ademais dar orientación ás familias, a través desa aula virtual. 

 A partir dese momento, o profesorado –ben desde o centro ou desde o seu domicilio, de ser posíbel– iniciará a docencia en remoto, a través da plataforma de videoconferencia institucional e da aula virtual, onde teñen cabida os contidos das unidades didácticas.

En canto aos medios informáticos precisos para poder levar  a docencia á modalidade telemática, o plan de ensino virtual asegura que a Administración "disporá os medios informáticos necesarios" para o alumnado que o precise.

No momento da suspensión das aulas presenciais, serán os equipos directivos quen, segundo estas directrices, afrontarán o cambio cos seus recursos tecnolóxicos para, a continuación, trasladar á Inspección Educativa as necesidades priorizadas, que serán cubertas a través de Amtega (a axencia galega para a modernización tecnolóxica).

Os centros serán tamén responsábeis da organización da entrega dos equipos ás familias e da posterior recollida.

 Neste sentido, desde o BNG, o deputado Manuel Lorenzo censurou onte que a Xunta "descargue nos centros a súa responsabilidade" ao obrigalos a ter listo en 7 días un plan "que Educación non elaborou en 7 meses".

Para a formación nacionalista, o plan para o ensino non presencial é "unha nova labazada á comunidade educativa".

Novo exemplo de "absentismo" da Xunta

"Nin datos nin solucións" máis alá do avanzado na presentación do plan de ensino virtual. É o balance que fai a CIG-Ensino, o sindicato maioritario neste sector, da xuntanza que mantiveron onte as organizacións presentes na mesa sectorial co conselleiro de Educación para avaliar o impacto da pandemia no curso escolar.

Pasados tres meses e medio desde a última xuntanza, o secretario nacional desta organización, Suso Bermello, lamenta que a posición da consellaría segue a ser "cargar aínda máis de traballo burocrático" os equipos directivos.

Para a CIG, o plan de ensino non presencial supón "un novo exemplo do absentismo da Consellaría na xestión da crise educativa".

Desde CCOO censuran que o plan se presentase antes aos medios que á representación laboral.