Esther Vera, directora de 'Ara'

"O papel sempre manda moito"

[Imaxe: Cedida] Esther Vera

 

É un símbolo do procés, en parte guieiro, en parte termómetro. É unha plataforma multimedia — diario en papel, xornal dixital, os vídeos como estrela da web. É un proxecto de comunicación sustentado por unha vasta rede de subscritoras e subscritores, por volta de 40.000. Todo iso é Ara, unha peza básica do puxante espazo catalán de comunicación. Á súa fronte está Esther Vera, directora. Reborda paixón cando fala. «Facemos xornalismo catalanista, soberanista e de calidade». A fórmula funciona.

 

Embora ser un proxecto aínda moi novo, Ara é xa un referente no xornalismo non só catalán, mais tamén europeo. Os seus produtos caracterízanse por unha excelente factura técnica — un deseño que compite na vangarda — e polo alento dun periodismo con nervio, cunha historia ben interesante que contar, a dun pobo que quer tomar a palabra e que quer andar o seu propio camiño, sen tutelas. Falo con Esther Vera, a directora de Ara, por telefone. Trocamos comentarios sobre as nosas respectivas realidades nacionais, sobre os distintos graos de desenvolvemento dos nosos ámbitos comunicacionais. «Deséxovos toda a sorte do mundo para o voso proxecto, para O Diario Galego. Fan falta máis voces», dime.

 

Ara aparece en 2010 como unha iniciativa do tecido social catalán. Como recordas ese momento fundacional?

 

Eu daquela non estaba aínda na redacción e loxicamente non estaba tan implicada no xornal como o estou agora. Mais por suposto que acompañei os seus primeiros pasos, para unha xornalista sempre é unha marabilla ver como nace un medio de comunicación co que simpatizas, lembro aquilo como unha iniciativa moi ilusionante e que apareceu un pouco como un pequeno milagre da profesión, impulsado por algúns empresarios, mais tamén por algúns xornalistas que acreditaban que Catalunya necesitaba un medio de comunicación que dalgunha maneira conectase co novo país que estaba a xermolar. Esa foi a clave. Ser o reflexo dunha demanda social. E fíxose un xornal que aposta desde o inicio nunha redacción que reúne á vez o papel — o diario impreso nunha rotativa — e o dixital. Somos desde o principio unha redacción integrada. E somos unha equipa redaccional, de xornalistas, sen ningún tipo de complexos nen de prexuízos, nen intelectuais nen ideolóxicos, sobre o futuro de Catalunya.

 

Interésame moito iso que dis, refírome a que no impulso, na concepción, do proxecto orixinal as e os xornalistas tiveron un papel moi destacado, un rol de autores. Non sempre iso é así, verdade?

 

Non, non, non acostuma a ser así. Os medios de comunicación vense simplemente como un negocio, como un tema puramente empresarial. Neste caso o papel empresarial veu da man dalgúns xornalistas que querían un medio no que se sentisen representados, un medio en que se puidese facer un xornalismo de calidade, un xornalismo catalanista, un xornalismo soberanista, un xornalismo para un país mellor.

 

Catalunya necesitaba un medio que conectase co novo país que estaba a xermolar

 

Ara aposta desde os seus primeiros compases nas e nos subscritores como principal base de sustentación.

 

Si, a nosa idea fundacional é que o xornal viva das e dos subscritores. Nós sempre fomos unha plataforma multimedia, vídeo, audio, dixital, papel, todos eses elementos son protagonistas, todos son complementares, ningún debe dominar sobre os demais. E sempre tivemos claro que Ara necesitaba o apoio da nosa comunidade, a nosa comunidade de leitores, un respaldo que nos permitiría ser máis libres que se dependiamos doutras fontes de financiamento. E neste momento efectivamente temos 40.000 subscritoras e subscritores.

 

Nacen tamén para lle dar un impulso ao espazo catalán de comunicación. Neste momento cal é o seu estado de saúde?

 

A ver, o estado de saúde… creo que é bastante similar ao estado de saúde do espazo comunicacional de calquera lugar case de Europa. Os medios dixitais están progresando e os medios de papel están a recuar, en termos relativos. Os dixitais teñen demasiada dependencia, demasiado alta probabelmente, de subvencións e un problema por resolver, a monetización do produto dixital.

 

E sobre este último aspecto da cuestión, que vías ensaiastes en Ara?

 

Para nós desde o primeiro mo-mento o modelo foi o do The New York Times. Nós temos un xornal dixital ao que ti accedes pagando. Nós non regalamos a información. Temos un paywall, un muro de pagamento, que está nos 10 contidos, un limiar que estamos estudando rebaixar. Ti podes entrar na nosa web, ti podes consumir até 10 contidos e aos 10 contidos pídeche que te subscribas. Iso si, logo temos ofertas de todo tipo, para que ti teñas unha subscrición moi feita á carta, moi feita á túa medida. Pódeste subscribir só ao dixital, ou ao dixital entre semana e o fin de semana ao papel, ou ao papel quinta feira, sexta feira, sábado ou domingo, ou até un só día ao papel… poñemos todas as facilidades. Mais o noso modelo é un modelo de pagamento. Nós co-bramos pola información.

 

Eu non creo no declive do papel

 

Sodes, por tanto, un medio pioneiro, porque as tendencias na imprensa dixital en países como os EUA ou o Reino Unido van xa por aí.

 

Así é. A verdade é que no momento en que se instituíu o paywall, pois había a dúbida inevitábel de se iso funcionaría ou non, mais a verdade é que nós conectamos cunha comunidade que entende, como tamén o entendemos nós, que as noticias non poden ser gratis porque a información ten un custo.

 

A verdade é que aparecedes nun momento en que xa se comezaba a profetizar o declive do papel, mais o voso éxito en certo modo é unha refutación desas teorías apocalípticas, non?

 

Eu non creo no declive do papel. Ara é unha plataforma multimedia e iso significa que nós utilizamos todos os instrumentos, todas as canles, para expresar a nosa mensaxe. Nós temos unha materia prima, que é a información, e esa información adaptámola a todas as canles que temos para transmitila. Nós temos unha entrevista, poñamos por caso. Pois esa entrevista podemos facela en directo, no noso plató de televisión, e facemos un streaming [unha retransmisión ao vivo en liña], ou podémola gravar e cortar en anaquiños e facer unha previa [un resumo], e despois publicala enteira… podemos facer coa entrevista un produto de papel, un produto de audio, un podcast… Nós o que queremos é traballar ben a información — e niso facemos xornalismo clásico de toda a vida, o de saír á rúa, ver, escoitar, escribir e publicar cousas interesantes para a nosa sociedade — e despois o froito dese traballo transmitímolo e empaquetámolo da mellor maneira que podamos.

 

O papel? O papel é unha das nosas canles de comunicación e, claro, tentamos darlle un tratamento específico, como tamén facemos co dixital. Temos moi claro que de segunda a sexta feira temos que facer un tipo de produto en papel, mentres que a fin de semana require unha estratexia distinta. Destarte, estanos a funcionar moi ben o domingo. Ese día facemos o que queremos que sexa un produto de luxo. Normalmente elaboramos un monográfico, un periódico un pouco arrevistado, en que podemos facer 10, 12, 16 páxinas sobre un tema que consideramos que é de valor para o leitor. Ese tema pode ser desde o aprendizado e o estudo das matemáticas até unha análise da política catalá, pasando por un asunto de política internacional ou de economía… Ese dossier traballámolo enormemente, tentamos, ademais, que o periódico estea moi coidado, que fique moi bonito, moi ben ilustrado, que apeteza telo entre as mans. Ese día nós non loitamos tanto contra o tempo. Ese día o noso leitor ten máis lecer ao seu dispor, máis vagar, pode desfrutar máis dese obxecto, dese xornal, que, repito, acabará sendo un obxecto de luxo. Polo tanto, non cremos que o papel vaia desaparecer. O que si cremos é que o papel haino que tratar dunha maneira diferente. E de feito os dados estannos a dar a razón. Nós estamos medrando en papel.

 

Lin outro día nalgures que a xente moza no Reino Unido comezaba outravolta a ler libros impresos, que o libro electrónico estaba a recuar.

 

Nos EUA, onde o libro electrónico se ten desenvolvido máis, só chegou a 25% do mercado. Son dados que demostran que todos os formatos teñen futuro. Imos utilizar o dixital cando nos sexa máis cómodo — cando vaiamos no metro, a consultar o teléfono basicamente — e aí consumiremos información máis rápida e logo imos utilizar o papel porque nel achamos o espazo acaído para lermos reportaxes, análises, xornalismo de longa extensión. Creo que nos temos que adaptar aos medios de que dispoñamos.

 

E desde a túa experiencia, como conviven o papel e o dixital? É evidente que non hai fronteiras ríxidas…

 

O papel sempre manda moito. Iso acontece até no noso caso, e nós somos unha redacción completamente integrada — en que a xente traballa desde as 7 da mañá no dixital até que ás 12 da noite penduramos o pdf [do diario impreso] na web — , pois mesmo así o papel continúa a marcar moito o territorio. E iso que nós temos rutinas marcadas para que o xornal impreso non se impoña totalmente e haxa un maior equilibrio co dixital, e así temos un grupo, a nosa equipa de mañá, que é a que pon en marcha a parte dixital. E loitando contra o peso do papel, conseguimos que a nosa web vaia sendo permanentemente actualizada… o que estamos intentando agora sobre todo é adaptar a nosa produción ás horas de máis consumo do dixital.

 

Entendo que a redacción escribe indistintamente para o papel e para o dixital.

 

Si, si, completamente. Toda a redacción. Iso é básico. Os medios que se teñen que adaptar, que se teñen que actualizar, pásano peor que nós, que xa nacemos como unha redacción integrada nun produto que é multimedia. Nós facemos vídeos con total naturalidade. Forma parte da nosa natureza desde o minuto cero.

 

E cres que xa se escribe para internet de forma distinta a como se facía para o papel? Cres que xa hai realmente un estilo redaccional característico da era dixital?

 

Non cho sabería dicer isto. É unha cuestión complexa. Creo que é un asunto que ten a ver máis cos xéneros do que co lugar en que publicas os textos. Unha reportaxe longa é máis fácil que se lea en papel, mais creo que a vas escribir máis ou menos igual. Probabelmente optarás por unha escrita algo máis literaria [se vai destinada ao diario impreso], embora tamén no dixital podes ler textos de grande altura estilística.

 

Ara pasa por ser o xornal do procés, mais a verdade é que me causou certo pasmo ler na wikipedia en español o seguinte texto sobre o voso medio: «O diario caracterízase por ser unha plataforma en defensa do separatismo catalán desde a súa fundación». E a verdade é que me fixo graza [risos].

 

[Risos] Ben, a ver, o xornal é un xornal soberanista se por soberanista se entende que cremos que os cataláns teñen que decidir, ou que nalgún momento terán que decidir, por onde queren que pase o futuro e a súa relación co Estado español. E iso é o que defendemos sempre, que haxa un referendo, pactado co Estado.

 

 

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]