Silvia Duarte: "As noticias en galego eran localistas e centralistas até a chegada Nós Diario"

A galega Silvia Duarte reside en Alemaña desde hai dez anos. (Foto: Cedida)
Aínda que naceu en Berna (Suíza) e leva dez anos de tradutora en Alemaña, Silvia Duarte medrou en Santa Comba e licenciouse en Tradución e Interpretación. En 2007 comezou a súa tese de investigación sobre a prensa galega, cuxa lectura analizou como dependente da española até a aparición en 2020 de Nós Diario. 

Até a aparición de Nós Diario (2 de xaneiro de 2020) a lectura de prensa en galego era dependente e complementaria da española. Mentres que o lector de prensa en castelán se facía cunha visión global do que acontece no resto do mundo, o da galega adquiría unha visión localista, rexionalista e, como moito, centralista. Así o defende a investigadora da Universidade de Vigo Silvia Duarte na súa tese de doutoramento A ideoloxía na para/tradución e nos transvases de información: análise da situación da prensa en galego, dirixida pola doutora Silvia Montero e polo doutor Xoán Manuel Garrido.

“Sermos Galiza ofrece un xornalismo vangardista no territorio galego ofrecendo unha perspectiva galega da información e, polo tanto, representando os intereses do país”, recalca a investigadora sobre a editora de Nós Diario.

Define na súa tese Nós Diario como un medio de calidade e mesmo de vangarda. Por que?

De entrada porque Nós Diario xa aparece cunha sección de Internacional, cousa que até o seu nacemento era inaudito na prensa galega. Unha quere informarse a través da súa prensa e iso, na Galiza, non era posíbel. 

Calquera país cunha lingua normalizada ten unha prensa que informa do que pasa nese territorio e no mundo, pero no caso galego non é así. E isto muda co nacementos de 'Nós Diario'

Calquera país cunha lingua normalizada ten unha prensa que informa do que pasa nese territorio e no mundo, pero no caso galego non é así, pois as noticias na nosa lingua son localistas e rexionalistas e en determinados casos poden dar a perspectiva de "non serias", poden interesar á veciñanza dunha zona pero non a nivel galego. É bon combinar distintos tipos de noticias, pero non unicamente ter un xornal de informacións locais. E isto muda co nacemento de Nós Diario. 

Repara na paratradución na prensa en galego. A que se refire con este concepto?

A paratradución é un termo acuñado e desenvolvido no grupo de investigación Tradución & Paratradución da Universidade de Vigo a partir de 2004, e eu asimíloa ao traballo de tradución que fai a persoa xornalista. Digamos que un tradutor ten que adaptarse e traducir pensando en a quen está dirixindo o seu texto e o xornalista tamén o ten que facer.

Os papeis de tradutor e de xornalista comparten similitudes nese aspecto. É un concepto que poderiamos definir como o conxunto de adaptacións ou manipulacións que sofre un texto ao ser reinterpretado por unha cultura e, por extensión, por unha ideoloxía dada.

O corpus de estudo centrouse nas noticias de cumios internacionais (2008-2010) de prensa doutros países e o único diario integramente en galego daquela, Galicia Hoxe, que tiña sección de Internacional. Precisamente conclúe que as informacións de Internacional sempre se enxergan desde unha óptica influenciada polo país en que se escriben agás na Galiza, que eran calcadas á óptica española até nacer Nós Diario.

Si, e de feito percibín que mesmo non había crítica por parte do xornalista nas informacións de Internacional. Eran noticias escritas de maneira moi obxectiva en canto á narrativa, cousa nada habitual noutros xornais.  

E de onde xurdiu este interese seu por unir prensa, lingua galega e tradución?

Comezou en 2007, cando era estudante de doutoramento de Tradución e Interpretación na UVigo. Os meus directores de tese xa me dixeran 'non te metas no eido da prensa porque non nos compete', mais a min interesábame analizar os transvasamentos ideolóxicos á hora de traducir noticias e deime conta de que a tradución na prensa era moi difícil de estudar porque non queda constancia do material que se traduce, a diferenza por exemplo dun libro. Aí estaba a principal dificultade e de aí que botase man do concepto da paratradución e me dispuxese a traballar con paratextos partindo dunha selección plurilingüe de xornais.

Despois, analizando os distintos diarios, reparei en que en galego faltaba material e de aí xurdiu o meu interese, preguntándome por que na Galiza tiñamos tan pouca prensa escrita orixinalmente en galego e iso levoume a comparar o noso caso cos sistemas vasco e catalán.

A que se debe que houbese tan pouca prensa en galego?

Detrás están intereses políticos. Se comparamos con Catalunya e Euskadi, as políticas lingüísticas son totalmente distintas. De feito, as axudas da Xunta á prensa galega requiriron durante moitos anos un escaso 7% de uso de galego. Que xornais como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo que apenas usan o galego reciban esas axudas non é normal. 

Na súa tese tamén trata o reintegracionismo.

Vexo moi interesante que Nós Diario dea cabida ao reintegracionismo. As propostas reintegracionistas non son algo utópico como algúns dan en pensar. A modo de exemplo, que podería ser perfectamente aplicábel á nosa situación, sería o caso do dialecto do alemán suízo. 

O suízo presenta con respecto ao alemán estándar unha variación dialectal fonética, léxica e morfolóxica considerábel. Este está institucionalizado no sistema educativo, non obstante, convive harmonicamente co alemán estándar, o cal ten reservada exclusivamente a función de lingua escrita en contextos formais, burocráticos, institucionais, etc. Polo que neste sentido, mellorar a situación e asegurar a supervivencia do galego dependería de varios sectores da sociedade e maiormente do Goberno galego. 

Se as cousas non mudan, pois como diría Carvalho Calero: "O Galego ou é galego-português, ou é galego-castelhano".