O pasado 1 de decembro conmemorábase o 20 aniversario da gran manifestación que anegou Compostela contra o desastre do Prestige e contra a xestión que daquela fixeron os Gobernos español e galego.
Unha efeméride que volveu pór de actualidade o exposto que se atopa o contorno do corredor de Fisterra, polo que, de media, atravesan ao día 38 barcos con mercadorías perigosas, perto de 14.000 buques ao ano, máis que cando afundiu en 2002 o Prestige.
Un deses barcos é o Sichem Formol, un buque de 106 metros de eslora, con bandeira de Malta e con data de construción en 1983, hoxe xa despezado, que, catro anos despois do sinistro do Prestige, portaba 6.000 toneladas de ácido sulfúrico e sufriu un incidente fronte á costa galega. Deuno a coñecer na sexta feira, durante unha pregunta oral formulada á conselleira do Mar, o deputado do BNG Daniel Pérez.
O gaseiro “atopouse fóra de control polo mal tempo -navegaba en condicións adversas de mar- e pola contorna hostil que representa o corredor de Fisterra”, resumiu o parlamentario bergantiñán, quen puxo en valor o servizo de practicaxe de Cee, Corme e Laxe.
“O capitán [do buque que portaba o ácido sulfúrico], cando se viu en dificultades, solicitou a atención da practicaxe, que acudiu e reconduciu esa situación”, informou Daniel Pérez.
O nacionalista, que lembrou que o “nome de Fisterra impón, impón moito no mar” e que no corredor “hai unha alta exposición a accidentes”, revelaba o acontecido co Sichem Formol para solicitar, máis unha vez, en sede parlamentaria a recuperación do servizo de practicaxe marítima nos portos de Cee, Corme e Laxe.
Explicaba que, alén da actividade ordinaria que presta este servizo para a entrada e saída de buques, “é un servizo que ten que estar dispoñíbel para a Capitanía Marítima as 24 horas do día, os 365 días do ano para atender calquera emerxencia no mar, como é o caso de accidentes ou avarías”.
A día de hoxe a Costa da Morte “carece dun servizo vital e imprescindíbel para a actividade portuaria e a seguridade no mar”, algo que o BNG leva advertindo desde o mes de marzo”. As dúas convocatorias da Consellaría do Mar para cubrir este servizo quedaron desertas, “polas condicións económicas da propia licitación”, criticou.
Unha situación que ten unha outra derivada: a empresa Xeal e a continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas de ferroaliaxe en Cee e Dumbría, pois esta industria emprega, case en exclusiva, o porto de Brens, en Corcubión, para dar entrada en barco ás materias primas e dar saída ao produto elaborado”. Un extremo que “sen unha persoa que realice a practicaxe, non poderá facer porque ningún barco poderá entrar no porto”.
Precisamente, no día de onte, unha representación de traballadores de Xeal, da CIG, concentrábase diante do Parlamento para denunciar a falta dun práctico nos citados portos.
“Os bombeiros non apagan lumes a diario, pero cando hai un incendio na nosa casa, queremos que acudan a sufocalo de inmediato. A seguridade marítima esixe un práctico en caso de accidente”, concluíu Daniel Pérez.
A Consellaría do Mar aduce razóns económicas e non de seguranza
Na súa resposta, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, argüíu razóns económicas, e non de seguranza, para explicar que os portos de Laxe, Cee e Corcubión carezan de servizo de practicaxe.
Así, advertiu dun servizo “totalmente deficitario” e asegurou que a súa Consellaría traballa por ofrecer “o mellor servizo de practicaxe posíbel” que sexa “sustentábel tanto económica como tecnicamente”.
Recorreu ás cifras para defender que a mellor solución é recorrer á figura do práctico substituto, ao entender que “non é preciso que os medios humanos estean de forma permanente no porto”.
A titular de Mar subliñou que o porto de Cee -o principal deses tres- recibiu entre 2019 e 2021 un total de 225 barcos que requiriron o servizo do práctico, unha media dun barco cada cinco días, e advertiu de que a previsión deste ano “é aínda inferior”. Asegurou que “Portos de Galiza traballa coa empresa Xeal, principal usuaria do servizo de práctico, na busca de solucións que non penalicen o porto local”.