‘Sichem Formol’, o gaseiro con 6 mil toneladas de ácido sulfúrico que perdeu o control en Fisterra

O gaseiro, retratado por J. Pierre Boune (Imaxe: Marine Traffic)

Anos despois de ter lugar o accidente do Prestige, o buque Sichem Formol, de 106 metros de eslora, navegou fóra de control no corredor de Fisterra, con máis de 6.000 toneladas de ácido sulfúrico. Un incidente que puido acabar nunha catástrofe se o capitán do barco, axudado polo práctico, non reconducise a situación.

O pasado 1 de decembro conmemorábase o 20 aniversario da gran manifestación que anegou Compostela contra o desastre do Prestige e contra a xestión que daquela fixeron os Gobernos español e galego.

Unha efeméride que volveu pór de actualidade o exposto que se atopa o contorno do corredor de Fisterra, polo que, de media, atravesan ao día 38 barcos con mercadorías perigosas, perto de 14.000 buques ao ano, máis que cando afundiu en 2002 o Prestige.

Un deses barcos é o Sichem Formol, un buque de 106 metros de eslora, con bandeira de Malta e con data de construción en 1983, hoxe xa despezado, que, catro anos despois do sinistro do Prestige, portaba 6.000 toneladas de ácido sulfúrico e  sufriu un incidente fronte á costa galega. Deuno a coñecer na sexta feira, durante unha pregunta oral formulada á conselleira do Mar, o deputado do BNG Daniel Pérez.

O gaseiro “atopouse fóra de control polo mal tempo -navegaba en condicións adversas de mar- e pola contorna hostil que representa o corredor de Fisterra”, resumiu o parlamentario bergantiñán, quen puxo en valor o servizo de practicaxe de Cee, Corme e Laxe.

“O capitán [do buque que portaba o ácido sulfúrico], cando se viu en dificultades, solicitou a atención da practicaxe, que acudiu e reconduciu esa situación”, informou Daniel Pérez.

Daniel Pérez, deputado do BNG (Imaxe: Nós Diario)

O nacionalista, que lembrou que o “nome de Fisterra impón, impón moito no mar” e que no corredor “hai unha alta exposición a accidentes”, revelaba o acontecido co Sichem Formol para solicitar, máis unha vez, en sede parlamentaria a recuperación do servizo de practicaxe marítima nos portos de Cee, Corme e Laxe.

Explicaba que, alén da actividade ordinaria que presta este servizo para a entrada e saída de buques, “é un servizo que ten que estar dispoñíbel para a Capitanía Marítima as 24 horas do día, os 365 días do ano para atender calquera emerxencia no mar, como é o caso de accidentes ou avarías”.

A día de hoxe a Costa da Morte “carece dun servizo vital e imprescindíbel para a actividade portuaria e a seguridade no mar”, algo que o BNG leva advertindo desde o mes de marzo”. As dúas convocatorias da Consellaría do Mar para cubrir este servizo quedaron desertas, “polas condicións económicas da propia licitación”, criticou.

Unha situación que ten unha outra derivada: a empresa Xeal e a continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas de ferroaliaxe en Cee e Dumbría, pois esta industria emprega, case en exclusiva, o porto de Brens, en Corcubión, para dar entrada en barco ás materias primas e dar saída ao produto elaborado”. Un extremo que “sen unha persoa que realice a practicaxe, non poderá facer porque ningún barco poderá entrar no porto”.

Precisamente, no día de onte, unha representación de traballadores de Xeal, da CIG, concentrábase diante do Parlamento para denunciar a falta dun práctico nos citados portos.

“Os bombeiros non apagan lumes a diario, pero cando hai un incendio na nosa casa, queremos que acudan a sufocalo de inmediato. A seguridade marítima esixe un práctico en caso de accidente”, concluíu Daniel Pérez.

A Consellaría do Mar aduce razóns económicas e non de seguranza

Na súa resposta, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, argüíu razóns económicas, e non de seguranza, para explicar que os portos de Laxe, Cee e Corcubión carezan de servizo de practicaxe.

Así, advertiu dun servizo “totalmente deficitario” e asegurou que a súa Consellaría traballa por ofrecer “o mellor servizo de practicaxe posíbel” que sexa “sustentábel tanto económica como tecnicamente”.

Recorreu ás cifras para defender que a mellor solución é recorrer á figura do práctico substituto, ao entender que “non é preciso que os medios humanos estean de forma permanente no porto”.

A titular de Mar subliñou que o porto de Cee -o principal deses tres- recibiu entre 2019 e 2021 un total de 225 barcos que requiriron o servizo do práctico, unha media dun barco cada cinco días, e advertiu de que a previsión deste ano “é aínda inferior”. Asegurou que “Portos de Galiza traballa coa empresa Xeal, principal usuaria do servizo de práctico, na busca de solucións que non penalicen o porto local”.