Os servizos sociais galegos, nos ósos

Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)

As cifras achegadas no informe de 2023 asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado volven a pór en evidencia a situación de precariedade dos servizos sociais na Galiza.

Os dados do relatorio da asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado inciden nos achegados nas últimas anualidades e certifican o nivel de subdesenvolvemento do sistema galego de benestar. Neste sentido, resulta clarificador que os profesionais dos servizos sociais sitúen a Galiza “no cuarto lugar pola cola na clasificación das comunidades autónomas   do seu sistema público de servizos sociais”.

As causas desta situación son de carácter estrutural e conxuntural. Así, entre as primeiras, signifícase o atraso histórico do Estado de benestar na Galiza e no conxunto do Estado que non ten acadado os niveis dos países do centro europeo, en opinión de Viçent Navarro, “polo enorme dominio que as forzas conservadoras tiveron e teñen no noso país”.

Navarro sinala, no seu xa clásico libro, O subdesenvolvemento social de España, que “entre as causas maiores do enorme retraso do estado do benestar atopamos dous dificilmente visíbeis nos foros políticos e mediáticos: o poder de clase e o de xénero”.

As políticas públicas do Goberno galego na última década teñen complicado a situación. Nesa dirección, a asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado ten denunciado “os anos de regresión” coincidentes co Executivo de Feixoo e advirte dos “retrocesos vividos ao longo de 2022”.

Un bo exemplo das consecuencias destas políticas é o acontecido nos centros de maiores durante a primeira parte da pandemia, onde se teñen concentrado unha parte considerábel das vítimas nas residencias de xestión privada.

Gasto por persoa

O gasto por persoa potencialmente dependente é un bo parámetro para entender o alcance dos recortes nesta materia . Este indicador analiza o investimento público previsto para o conxunto de persoas que reciben a prestación e para aquelas peticionarias da mesma incorporadas nas listas a falta de avaliar o seu estado.

Neste caso, a achega da Xunta da Galiza en 2022 foi de 762 euros de media por persoa, unha contribución só maior á de Canarias con 722 e de Asturias con 690 euros e moi lonxe da media estatal situada en 1.191. euros. Así as cousas, a fenda entre Galiza e a media do Estado nesta variábel é de 37,1%, presentando as mellores cifras Castela-A Mancha cun gasto de 1.523 euros.

A Xunta da Galiza volveu a recortar o investimento en dependencia en  2002. Así, o gasto medio anual por persoa beneficiaria  dunha axuda de dependencia caeu en relación a 2021 nunha porcentaxe de 29% e nunha contía total de 1.902 euros. Asemade, o investimento público en dependencia por habitante reduciuse en 32%, caendo de 175 euros a 119 euros.

A baixa no gasto social de 2022 está na liña de exercicios anteriores. Así, en 2021 a Xunta diminuíu  o diñeiro destinado a dependencia  en 7,23% en relación coa anualidade anterior, só ficando por baixo da Galiza, Canarias con 24,5%, Castela e León con 7,54% e A Rioxa con 7,34%. Nunha porcentaxe semellante, minguou o gasto medio anual por persoa beneficiaria  dunha axuda de dependencia cunha caída respecto a 2020 de 7,09%.