Galiza mobilízase por un novo modelo de coidados: público, universal e de calidade

Manifestación por un servizos de dependencia públicos, universais e de calidade. (Foto: Arxina).
A Plataforma Galega polos Servizos Públicos reclamou nas rúas un modelos de coidados 100% público, dotado de máis persoal e máis recursos para poder dispensar unha atención de calidade. Neste sentido, censuraron o negocio e a precariedade das residencias privadas, mantidas pola Xunta. 

Centos de persoas manifestáronse este domingo en Compostela en favor das residencias de maiores públicas, para as que demandaron "máis persoal e máis medios" para atender "aos usuarios como merecen, e non como se pode".

A manifestación, que partiu da Alameda e concluíu na Praza do Obradoiro, foi convocada por diferentes asociacións, entre elas o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) e a plataforma de Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega). Ademais, contou coa presenza dalgúns representantes políticos como a  viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla  Rodil, o deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino e o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, entre outros.

O persoal é escaso e está mal pago, o que repercute na atención aos pacientes, deficitaria

Ao berro de 'servizo privatizado, servizo roubado', 'políticos, traidores, desprezades aos maiores' ou 'os maiores son persoas, non mercadoría', os manifestantes percorreron as rúas da capital galega esixindo "máis persoal e máis medios" para os centros residenciais da terceira idade.

Precariedade e atención deficitaria

O portavoz de Modepen, Gonzalo Balo, criticou que "tras a pandemia, non se fixo nada por corrixir uns problemas que veñen denunciando desde hai dous anos, e agravados pola Covid-19". "O persoal é escaso e está mal pago, o que repercute na atención aos pacientes, deficitaria", dixo, ademais de sinalar que "ser a Comunidade Autónoma con menos mortos en residencias, non é consolo", xa que "non se trata dunha competición".

"O que ten que facer Feixoo é recoñecer a precariedade que hai, a falta de atención e de coidados, e analizar por que se deron esas mortes. Moitas eran evitábeis", recalcou Balo, á vez que apuntou "que haberá que ver por que houbo máis falecementos nas privadas que nas públicas" e criticou o "ocultismo" da Xunta a respecto dos datos.

Servizos 100% públicos

A portavoz da as Traballadoras de Residencias de Galicia, Sonia  Jalda, coincidiu con Balo en que "a mala praxe vén dada polas malas condicións laborais". "Atopamos quendas descubertas por cinco persoas que non están en carteleira, o que implica que as traballadoras traballan máis e a atención empeora".

Respecto ao déficit de atención, Balo lembrou que "España está á cabeza de Europa en residentes que sofren feridas e chagas por non haber cambios posturais, debido á escaseza de persoal". O beneficio económico ás veces non é compatíbel coa calidade dos coidados, censurou o portavoz da plataforma polas pensións. 

"Apostamos por un servizo 100% público que, aínda que conviva coas residencias privadas, garanta as suficientes prazas públicas con atención de calidade para os maiores", demandou o vogal de  Modepen.

Unha traballadora con máis de 40 anos cotizados no Sistema Agrario non chega a cubrir 50% do custo medio dunha praza nunha residencia

A esta petición sumouse tamén Sonia Jalda, quen esixiu uns servizos "públicos e de calidade, con cocientes iguais para as privadas e as públicas". "Feixoo di que os cocientes son os mesmos, pero iso non é certo. Non hai máis que ver o número de falecidos", afirmou, para remarcar que os centros privados "non dispoñen de medios porque prima o rendemento económico".

Traballadoras agrarias

"Non queremos esquecer o horror vivido por moitos residentes e traballadores durante este ano, nin ás persoas obrigadas a morrer en soidade, sen unha man nin unha palabra de agarimo", reivindicou pola súa banda a portavoz do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, que demandou un "cambio no modelo de coidados e dependencia", debido a que agora baséase "no negocio de empresas privadas que reducen custos e flexibilizan os beneficios", en gran medida, as responsábeis da traxedia".

"A privatización dos servizos maltrata e mata, ás traballadoras e ás persoas dependentes", afirmou Vilalba, quen se referiu tamén ás traballadoras agrarias. "Unha traballadora con máis de 40 anos cotizados no Sistema Agrario da Seguridade Social, non chega a ter cuberto o 50% do custo medio dunha praza nunha residencia", destacou a portavoz.

Presenza política

O deputado de Galicia en Común no Congreso Antón Gómez-Reino cualificou de "fundamental" a mobilización, "especialmente nun país como Galiza, tan golpeado por privatizacións e pola austeridade".

"O día a día dos nosos maiores non pode ser fonte de negocio", apuntou Gómez-Reino, quen subliñou a necesidade de "desprivatizar" o servizo para remarcar que "todo o que se fai desde o Goberno do Estado vai no sentido de reforzar o sistema público".

Olalla  Rodil, do BNG, lamentou que as residencias, os seus pacientes e traballadoras sufrisen "a cara máis amarga da pandemia" e esixiu "unha rede de servizos pública e forte" que permita "garantir un dereito fundamental como é unha vellez digna".

Pola súa banda, Antón Sánchez, líder de  Anova, sinalou que a pandemia da Covid-19 "demostrou o que hai anos os colectivos veñen denunciando: Que na Galiza non se aposta polos servizos públicos", unha situación na que é "cómplice", segundo apuntou, o PPdeG. Sánchez tamén demandou unha xestión das residencias "pública e directa", con políticas "centradas nas persoas, e non nos fondos voitre".