"A serra non é unha mina": veciñanza do Suído oponse aos proxectos Alberta I, Alberta II e Carlota

Cartaz pendurado esta fin de semana contra a minaría no Suído. (Foto: Nós Diario)
Desde a plataforma SOS Suído-Seixo móstranse "altamente preocupados" polas recentes revelacións dunha investigación de 'Nós Diario' que relaciona a IberAmerican Lithium cos propietarios da mina Penouta (Strategic Minerals), cos novos propietarios da polémica mina de San Finx; así como con outros proxectos de explotación de recursos naturais en Colombia (Pacific Rubiales e Gran Colombia Gold), algúns que mesmo remataron na quebra das correspondentes empresas despois de deixar un regueiro de problemas medioambientais e conflictos sociais.

A plataforma veciñal SOS Suído-Seixo realizou este domingo unha nova acción reivindicativa para trasladar o seu apoio ás comunidades locais e manter a súa "firme oposición" aos proxectos mineiros Alberta I, Alberta II e Carlota, lanzando unha campaña de visibilización das aldeas afectadas baixo o lema 'A serra do Suído non é unha mina'. Para iso colocáronse 50 pancartas con esta consigna nos letreiros das aldeas afectadas por estes proxectos nos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Covelo, percorrendo os 30 quilómetros de longo dos tres permisos de investigación para as citadas iniciativas mineiras.

A acción é secundada e apoiada por colectivos veciñais, ambientais e socioculturais da contorna afectada, entre os que se atopan as asociacións A Lama Vive, Alarma na Terra de Montes, Asemblea do Suído ou o Colectivo do Suído. "Moita veciñanza aínda non sabe que vive dentro ou moi perto dun permiso de investigación mineiro", afirman desde SOS Suído. E, se os proxectos seguen adiante, "nun par de anos as súas casas poderanse atopar ao carón dunha mega-mina de 27 quilómetros de longo", alertan.

Con este tipo de actos queren amosar que a súa loita "segue viva" e que "é fundamental a información nuns procedementos que, normalmente, se fan de costas á veciñanza e sen acceso fácil e rigoroso a toda a documentación relativa aos proxectos". "Animamos á xente a que faga visíbel o seu rexeitamento, poña a súa pancarta nos balcóns, galpóns e comercios e non ceda ante as presións das mineiras", din.

Tamén advirten que é "un problema que porá en risco non só as áreas localizadas na contorna das minas, mais tamén as cuncas fluviais dos ríos Avia, Tea, Miño, Oitavén, Verdugo e Lérez" e, polo tanto, os recursos hídricos do Ribeiro, do Condado, o encoro de Eiras e as rías de Vigo e Pontevedra. O dereito mineiro Alberta I tentou ser explotado pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial Samca. A Xunta da Galiza, porén, denegou no ano 2020 a concesión de explotación ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola afección aos cursos de auga da zona. "Prevese que, ao longo de 2024, RMG presente un novo proxecto para a primeira fase de explotación de Alberta I (Doade, Beariz), unha vez rematados os estudos hidroxeolóxicos que se están a realizar coa pretensión de subsanar as deficiencias postas de manifesto pola Confederación Hidrográfica", sinalan desde SOS Suído.

A solicitude de concesión para a explotación de Alberta I abrangue unhas 1700 hectáreas dende Presqueiras (Forcarei) até Rubillón (Avión). E, alén de Alberta I, pairan sobre o Suído os proxectos Alberta II (1.015 hectáreas no concello de Avión), e Carlota (2.670 hectáreas entre os concellos de Avión, A Lama e Covelo) que "afectan unha zona da serra do Suído que fora designada en 2008 e 2011 para a súa inclusión na Rede Natura 2000 por acoller un dos conxuntos de turbeiras máis meridionais de toda Europa". Porén, como aseguran desde asociacións e plataformas medioambientais locais, "a Xunta mantén a proposta de ampliación da Rede Natura secuestrada dende hai máis de 12 anos, sen sometela a información pública". Non parece unha casualidade, indican dedde a plataforma.

"Salamanca Ingenieros obtivo os primeiros permisos de investigación para Carlota e Alberta II en 2010. Hoxe en día ambos dereitos mineiros pertencen a IberAmerican Lithium Corp, que fala ante os seus inversores das súas dúas propiedades de litio Alberta II - Carlota, onde queren comezar coa produción de litio o antes posíbel. A empresa tamén asegura aos seus accionistas e inversores, que pretenden executar unha campaña de 50 sondaxes antes do final do ano 2023, en montes comunais do concello de Avión", engaden.

Desde a plataforma, aliás, móstranse "altamente preocupados" polas recentes revelacións dunha investigación de Nós Diario que relaciona a IberAmerican Lithium cos propietarios da mina Penouta (Strategic Minerals), cos novos propietarios da polémica mina de San Finx; así como con outros proxectos de explotación de recursos naturais en Colombia (Pacific Rubiales e Gran Colombia Gold), algúns que mesmo remataron na quebra das correspondentes empresas despois de deixar un regueiro de problemas medioambientais e conflictos sociais.

A plataforma alerta tamén da chegada, á zona dos proxectos Alberta II e Carlota, dun xeólogo vinculado a Savannah Resources e Lusorecursos, empresas con proxectos mineiros de litio no norte de Portugal que están actualmente no foco da investigación portuguesa sobre suposta prevaricación e corrupción nos seus procedementos e avaliación ambiental.

Sos Suído-Seixo incide en que o obxectivo desta campaña é a alarma informativa. "Que a veciñanza saiba que pode pasar nos seus montes, que se informe, contraste, compare e comparta os recursos para defender os seus intereses fronte á información sesgada e interesada das empresas extractivistas que o único que buscan é o seu propio beneficio", afirman.