'Sermos Galiza' repasa "As aspiracións da Galiza que emerxe" no Día da Patria

Detalle do deseño de Héitor Picallo para a capa do 'Sermos Galiza' especial Día da Patria Galega
Co gallo do Día da Patria Galega Sermos Galiza publicará un especial no que se lle toma o pulso á rede asociativa do país para efectuar un diagnóstico da situación nas frontes nas que se xoga o noso futuro e, sobre todo, para coñecer as aspiracións dunha Galiza que emerxe e pula por un mellor porvir para a cidadanía. 

As crises, sexan do tipo que sexan, provocan inestabilidade nas sociedades sobre as que inciden. A política, a economía, a sociedade e mesmo a cultura dunha comunidade afectada por un fenómeno como o da pandemia vense profundamente afectadas, mais precisamente por iso serven tamén como revulsivo que predispoñen á mobilización social. En certo sentido, a crise permite visualizar a sociedade como un ben do que debemos corresponsabilizarnos e propicia expresións de solidariedade, diversas e espontáneas, que impulsan respostas dirixidas a mellorar a convivencia. 

Co gallo do Día da Patria deste ano, Sermos Galiza quixo tomarlle o pulso á rede asociativa do país para efectuar un diagnóstico da situación nas diferentes frontes nas que se xoga o noso futuro e, sobre todo, para ofrecer vías de acción que permitan avanzar na construción dun mellor porvir para toda a cidadanía. 

No especial de Sermos Galiza que se poñerá a venda o vindeiro sábado 24 de xullo conxuntamente con Nós Diario, representantes da CIG, CCOO, UXT, Queremos Galego, a Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade, a Plataforma para a Defensa do Ensino Público, O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, Fruga e a Plataforma por un Rural Vivo expoñen as súas principais inquietudes sobre a situación que estamos a vivir e ofrecen proxectos de futuro para o país.

Pola páxinas do especial desfilán temas que ocupan o centro do debate social deste tempo: desde o futuro laboral dos traballadores en ERTE até a repartición dos fondos Next Generation que virán de Europa; desde a fonda preocupación pola ofensiva lanzada polas eléctricas para inzar o rural de parques eólicos até a incerta repartición de recursos para afrontar unha necesaria reforma do modelo agrario; desde a necesidade de reforzar as redes de apoio feminista até a importancia de consolidar os logros na normalización dunha lingua sen soporte institucional que a ampare.  

Os artigos

  • Marcos Maceira, de Queremos Galego, repasa as debilidades e fortalezas, dunha lingua que segue a mostrar un exemplar dinamismo malia o desleixo e mesmo a hostilidade de quen ten a obriga legal de defendela e amparala. 
  • Paulo Carril, da CIG, avoga por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica que permita que as decisións fundamentais para o futuro da clase traballadora galega se tomen fóra do marco das políticas neoliberais que impiden o desenvolvemento do noso país. 
  • José Antonio Gómez, da UXT, expón a urxencia de sacar leccións do vivido durante a pandemia e, así, “construír un novo contrato social e medioambiental” para estabelecer unha nova senda de progreso sostíbel. 
  • Amelia Pérez, de CCOO, incide na urxencia de evitar que as eivas crónicas do mercado laboral galego deriven nunha nova crise económica e de emprego. Os fondos europeos, segundo a súa análise, deberían operar como un axente de cambio. 
  • Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres, chama por unha organización en rede que coadxuve a transformar a realidade en diferentes planos e que cree unha axenda que teña presentes as loitas concretas. 
  • Manuel Martín, de SOS Sanidade, retrata a enorme deterioración e perda de prestixio, do servizo público de saúde, que pode condicionar o seu futuro a medio prazo, pola incapacidade do SERGAS,  Conselleria e Xunta para  responder as demandas de atención da poboación. 
  • Suso Bermello, da Plataforma en Defensa do Ensino Público, céntrase no exemplo do ensino universitario e da aparición da Lei de recoñecemento da universidade privada como prototipo do entramado público-privado que ameaza os servizos básicos. 
  • Jessica Rey, da Rede Galega por un Rural Máis Vivo, toma o modelo de contestación social ás múltiplas ameazas que sofre o rural para chegar á conclusión de que o lugar onde vivimos será o resultado do que nos impliquemos con el. 
  • Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, subliña as carencias nas políticas institucionais e, sobre todo, á falta dun plan de futuro que nos permita avanzar na construción dun novo modelo máis axeitado ás nosas necesidades. 
  • Roberto García, de Unións Agrarias, parte da certeza de que a pandemia evidenciou o carácter estratéxico do sector primario e repasa as principais eivas que dificultan o seu desenvolvemento, mais tamén as súas fortalezas e liderado en calidade. 
  • Finalmente, Xurxo Álvarez, da FRUGA, anota as prioridades do sector agrario para poder competir en condicións de igualdade dentro do marco que estabelece a Unión Europea e da súa principal ferramenta económica: a Política Agraria Común.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.