Sermos Galiza está hoxe de aniversario. O 26 de abril de 2012, iniciaba o seu percorrido como diario dixital co obxectivo de ofrecer información rigorosa, solvente, alternativa e galega. Desde entón, sumamos máis de 38 millóns de visitas a páxinas e máis de 3,8 millóns de usuarias e usuarios únicos, segundo os datos fornecidos por Google Analytics.
Ademais, situámonos como diario nativo dixital (por nativo enténdese aquel xornal que naceu on line e que non é unha réplica dun medio impreso) líder das redes sociais. Entre Facebook (30.223), Twitter (24.159) e Instagram (1.719), Sermos Galiza conta neste momento con 56.101 usuarias e usuarios das redes sociais.
Sen caermos na autocompracencia, as cifras dan conta do incremento continuo da nosa audiencia, algo que non sería posíbel sen as accionistas, subscritoras, colaboradoras e empresas e institucións que se publicitan en Sermos Galiza.
Presentación do proxecto xornalístico
O sétimo aniversario do medio -o semanario en papel fai os sete anos o 8 de xuño- vén marcado pola próxima saída do diario en papel, cuxa cabeceira e principais liñas daremos a coñecer o 4 de maio nun acto que decorrerá na Nave de Vidán e ao que convidamos accionistas, grupo promotor e subscritoras e subscritores. Para participares, é indispensábel que nolo comuniques enviando un correo electrónico a [email protected] antes do 2 de maio, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un número de teléfono.
Estrutura, seccións, cabezallo... revelaremos o que conforma a imaxe gráfica e o soporte xornalístico dun diario que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza. Chegamos ao obxectivo mínimo das 3.000 subscricións que garanten a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos de edición tanto do diario en papel como do diario dixital. Queremos contar con máis apoios para dotar dunha maior fortaleza o diario, súmate ao proxecto!