ANIVERSARIO

Sermos Galiza fai sete anos na rede coa ollada posta no proxecto do novo diario en papel

Redacción de Sermos Galiza

Fanse sete anos da saída de Sermos dixital. Neste tempo, rexistramos máis de 38 millóns de visitas a páxinas e máis de 3,8 millóns de usuarias e usuarios únicos e convertémonos no diario nativo dixital galego líder das redes sociais.

Sermos Galiza está hoxe de aniversario. O 26 de abril de 2012, iniciaba o seu percorrido como diario dixital co obxectivo de ofrecer información rigorosa, solvente, alternativa e galega. Desde entón, sumamos máis de 38 millóns de visitas a páxinas e máis de 3,8 millóns de usuarias e usuarios únicos, segundo os datos fornecidos por Google Analytics.

 

Ademais, situámonos como diario nativo dixital (por nativo enténdese aquel xornal que naceu on line e que non é unha réplica dun medio impreso) líder das redes sociais. Entre Facebook (30.223), Twitter (24.159) e Instagram (1.719), Sermos Galiza conta neste momento con 56.101 usuarias e usuarios das redes sociais.

 

Sen caermos na autocompracencia, as cifras dan conta do incremento continuo da nosa audiencia, algo que non sería posíbel sen as accionistas, subscritoras, colaboradoras e empresas e institucións que se publicitan en Sermos Galiza.

 

Presentación do proxecto xornalístico

 

O sétimo aniversario do medio -o semanario en papel fai os sete anos o 8 de xuño- vén marcado pola próxima saída do diario en papel, cuxa cabeceira e principais liñas daremos a coñecer o 4 de maio nun acto que decorrerá na Nave de Vidán e ao que convidamos accionistas, grupo promotor e subscritoras e subscritores. Para participares, é indispensábel que nolo comuniques enviando un correo electrónico a comunicacion@sermosgaliza.gal antes do 2 de maio, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un número de teléfono.

 

Estrutura, seccións, cabezallo... revelaremos o que conforma a imaxe gráfica e o soporte xornalístico dun diario que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza. Chegamos ao obxectivo mínimo das 3.000 subscricións que garanten a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos de edición tanto do diario en papel como do diario dixital. Queremos contar con máis apoios para dotar dunha maior fortaleza o diario, súmate ao proxecto!