Sermos Galiza estuda o vínculo de Barrié de la Maza co franquismo

O semanario, que poderás atopar mañá nos quiosques xunto co Nós Diario, recolle tamén unha entrevista co prestixioso chef Javier Olleros, que vén de ser o primeiro galego en acadar a segunda estrela Michelín. Tamén amosa as chaves do proxecto "Ponte nas ondas", que chega aos 25 anos.

Tivo algún vínculo Pedro Barrié de la Maza coa represión franquista? É algo que podes descubrir no número de Sermos Galiza que sae mañá á rúa. O experto Manuel Monge analiza esa parte da historia na reportaxe "Pedro Barrié e a depuración do persoal do Banco Pastos". No seu texto, o coñecido activista pola memoria histórica fala do posíbel "secuestro" dunha biografía que o tería relacionado co réxime de Franco.

Como no semanario hai propostas de contidos para todos os públicos e gustos, o xornalista Manuel Xestoso encárgase da entrevista "Javier Olleros. Compromiso coa terra", na que o cociñeiro galego fala da súa traxectoria e da segunda estrela Michelín, conseguida hai pouco tempo desde o seu local do Grove. Cunha imaxe asinada a Culler de Pau, Olleros conta os segredos que o fan ser o único chef galego en acadar un recoñecemento tan prestixioso.

Ademais, da man de Tensi Xesteira faise un repaso aos 25 anos dun proxecto educativo transfronteirizo. Baixo o título "Ponte nas ondas. Un fío entre a Galiza e Portugal", a autora lembra como naceu esta iniciativa en 1995 impulsada por un grupo de docentes aos dous lados da raia para dar ás crianzas un día de radio compartida.

Tamén a medio camiño entre os dous territorios quedan Mon Daporta, Xan Colazo e Adela Leiro (do Colectivo Xea) nun Andar e Ver que fai parada na serra do Xurés. Aínda que o roteiro terá que quedar para máis adiante para as e os camiñantes de municipios doutras zonas da Galiza, abren a posibilidade de incorporar á axenda futura o itinerario "Do encoro do Sales a Pitôes de Júnias".

Como noutras semanas anteriores, non faltan as escolmas sobre as novidades os os clásicos na música e a literatura. Neste último caso os textos están escritos por Mario Regueira e Manuel Barreiro, mentres que do musical falan Olga Brañas e Mario Vilariño.

Pola súa banda, Andrés Castro repasa algunhas propostas cinematográficas e Pepe Barro fornece a súa visión sobre o deseño. Neste número tamén se inclúe a perspectiva arquitectónica de Lázaro Armental.

Para os que comezan o suplemento polos pasatempos, tampouco faltan á súa cita de cada sábado os enigmas ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Xa sabes que se queres ter acceso a todos estes contidos non tes máis que achegarte mañá á túa libraría ou quiosque, ou acceder á nosa loxa en liña, para mercar o Sermos Galiza que acompaña ao Nós Diario. Para que ningún sábado quede polo camiño o semanario, o mellor é que fagas a túa subscrición agora!