Sermos Galiza celebrará este sábado o seu décimo aniversario

'Nós Diario', en galego con todos os acentos. (Deseño: Pepe Barro)
O semanario viu a luz hai hoxe unha década.

Sermos Galiza S.A., a empresa editora de Nós Diario, fai dez anos, ao igual que o semanario que leva o mesmo nome e que na actualidade acompaña este xornal cada sábado.

A publicación do semanario Sermos Galiza supuxo a volta da lingua galega ao formato papel, sendo daquela e agora o único medio de comunicación en dixital e máis papel íntegro en galego.

Para celebrar este décimo aniversario, Sermos Galiza S.A. organiza un acto de convivio este sábado 11 de xuño nos salóns do restaurante A nave de Vidán, en Compostela.

Ofrecerá unha palabras de benvida para o público María Obelleiro, en calidade de directora de Nós Diario, dando paso á actuación de Celso Sanmartín, contacontos e poeta.

Despois del, a cantante e compositora Su Garrido ofrecerá unha pezas musicais.Será o presidente e conselleiro delegado da empresa Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, quen finalice o acto.

O deseñador Pepe Barro, creador da liña gráfica e da maqueta de Sermos Galiza e deste xornal, vén de crear tamén o deseño especial para a conmemoración desta década, baixo o lema 'En galego con todos os acentos'.