Sermos Galiza abre o debate sobre as múltiples ameazas da auga no país

A reportaxe sobre as ameazas da auga que abre Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)
O novo número do semanario tamén reserva espazo para unha entrevista a Jaime Pablo Díaz, director artístico da compañía Nova Galega de Danza, e unha reportaxe sobre o valor patrimonial dos faros galegos. Podes gozar de todos os contidos a partir do sábado, cando atoparás o Sermos en quiosques, outros puntos de venda habituais e a nosa tenda en liña.

Estás á espera de que chegue o sábado para abrir o teu Sermos Galiza? Xa non queda nada pero para ir motivando esa visita ao quiosque ou á nosa loxa en liña, avanzamos un pequeno resumo do que poderás atopar no novo número do semanario.

Lois Alcayde asina unha reportaxe moi acaída neste momento debido á actualidade, na que distintas expertas reflexionan sobre a ameaza da auga, até agora un dos sinais de identidade da Galiza.

Baixo o título ‘O país que xa non sangra auga. O preocupante impacto do desastre climático na Galiza’, o autor vai repasando toda unha serie de preocupacións no país dos mil ríos. Os incendios, as plantacións descontroladas de eucalipto e o traballo de Ence, o aproveitamento da auga por parte das eléctricas...

Aliás, as e os expertos pregúntanse que control hai por parte dos inspectores ambientais e mesmo advirten de que o cambio climático tamén está a chegar a auga salgada, onde moitos peces que tradicionalmente estaban nas costas galegas están a migrar.

Arte e patrimonio

Pero hai momento para a reflexión e para gozar da arte. Iso é o que trae o xornalista Manuel Xestoso na entrevista ‘Jaime Pablo Díaz. A tradición que asoma ao contemporáneo’.

A conversa co director artístico da compañía Nova Galega de Danza permite falar de espectáculos, de retos, de formatos diferentes motivados pola crise sanitaria e até do que diferencia este colectivo doutros.

De cara ao tempo de lecer, na reportaxe ‘Cultura luminosa. Máis aló de simples sinais marítimas”, Sonia Dapena alude á visión que teñen as autoridades portuarias dos faros e ao seu atractivo patrimonial, ademais de paisaxístico.

Se con ese primeiro paseo non é suficiente, o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- marcan o paso polo ‘Cabo Ortegal’ no Andar e Ver.

Recomendacións

Alí, no medio da natureza, ou na casa, poderás gozar das recomendacións literarias de Mario Regueira e Susana Sánches Arins, que esta semana apostan nos autores Xosé A. Perozo e Uxía Casal, respectivamente.

No apartado de música, Belém Tajes valora o disco ‘Territorio de delirio’ de Emilia e Pablo e César Morán repara na ‘Música desde o público’. A escolma de cinema de Andrés Castro presta especial antención ao ‘Divertido pero irregular’ Escuadrón Suicida.

Pola súa banda, Manuel Xestoso analiza a actualidade na escena teatral. As protagonistas desta vez son As Sincro e a súa obra Oh!Limpiadas, que o autor da en cualificar como ‘O heroísmo do cotián’. E unha semana máis, fechan os entretidos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Estás desexando atoparte con todos estes contidos? Accede á nosa loxa en liña ou visita o teu quiosque de confianza este sábado para mercar Sermos Galiza. Mais, se tes preguiza, podes solicitar a túa subscrición e recibilo na casa cada sábado!