O Sermos dixital remoza a súa imaxe

O diario on line estrea nova fasquía esta segunda feira. Sermos Galiza pon o ramo así a un "proceso de harmonización da imaxe quer no semanario quer no dixital", afirma o deseñador Denís Fernández, da cooperativa gráfica Sacauntos.

 

O remozamento da imaxe pasa por tres cores e polo seu significado simbólico, que remiten para o universo do papel, precisamente agora que Sermos prepara para 2019 o lanzamento dun rotativo que sairá ás rúas de segunda feira a sábado, O Diario Galego. "As cores son o branco -o papel-, o preto -a tinta- e o azul celeste -a bandeira do país", esclarece.

 

Os brancos -para tornar máis cómoda a leitura- e os azuis convértense en dominantes no diario dixital. "É unha imaxe máis limpa, máis osixenada", di Denís Fernández.
 

No re-deseño -unha "adaptación cromática", tal e como o define Denís Fernández-, o cabezallo -levemente máis pequeno- destaca sobre un fondo branco. A primeira palabra do título da cabeceira, Sermos,  aparece en caracteres pretos -harmonizando así co semanario-, en tanto que Galiza mantén o azul celeste.