SEMANARIO

Sermos conmemora o Día da Galiza Mártir cunha edición especial

Extracto dunha imaxe orixinal creada polo artista Daniel Caxigueiro

Chega o Día da Galiza Mártir, data reivindicativa que lembra Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936 por defender os ideais nacionalistas. Con motivo desta xornada clave no calendario, o semanario Sermos Galiza publica unha edición especial.

O número 259 de Sermos Galiza, con imaxe na portada creación dun dos artistas plásticos máis recoñecidos do país, Daniel Caxigueiro, chega á loxa esta cuarta feira e aos quiosques esta quinta feira cunha edición especial con motivo do Día da Galiza Mártir, data que lembra Alexandre Bóveda e todas as persoas represaliadas polo fascismo debido á defensa dos seus ideais.

 

Nesta ocasión, dedicamos toda a primeira parte da publicación en papel ao Día da Galiza Mártir. Abrimos, así, cunha información do historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, tamén coordinador do último libro editado por Sermos Galiza, Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron. O investigador asina “Os que mataron máis de 100”, unha panorámica sobre a crueldade nas accións da represión e castigo ás persoas demócratas.

 

Aliás, a sección de Opinión tamén está dedicada ao Día da Galiza Mártir, con columnas da xornalista Sara Torreiro e do escritor David Otero. Xosé Lois e Tokio ilustran a nosa homenaxe ás persoas represaliadas cos seus cadriños creados para a ocasión.

 

O semanario continúa cun mapa cos actos e encontros que teñen lugar na Galiza con motivo do Día da Galiza Mártir e incorpora unha información inédita elaborada polo investigador Carlos Babío e polo historiador Manuel P. Lorenzo, ambos os dous membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, sobre a represión ligada ao Pazo de Meirás.

 

A edición especial de Sermos Galiza tamén inclúe unha ampla conversa de María Obelleiro con Amalia Bóveda, a filla do insigne nacionalista, que recupera para o semanario as lembranzas máis significativas sobre o seu proxenitor. Aliás, publicamos as actas do martirio da Casa do Inverno, en Eirexalba, un dos episodios máis destacados dada a represión sufrida neste lugar do Incio.

 

O proxecto da Deputación da Coruña “Xeración Perdida”, con todos os nomes dos concelleiros represaliados, e a entrevista a Xosé Estévez, historiador de gran traxectoria que foi recoñecido cos premios Día da Galiza Mártir e Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico fechan a primeira parte do semanario.

 

E máis temas

 

Aliás, o Sermos Galiza 259 inclúe unha reportaxe sobre as redes sociais en relación aos trastornos alimenticios; unha entrevista de Xosé Mexuto co politólogo Manuel Anxo Fernández Baz; unha análise sobre os resultados electorais na Arxentina a cargo de Xabier Pérez Igrexas; e unha reportaxe de Xesús Manuel Pinheiro sobre a explotación laboral nas subcontratas que traballan para Inditex.

 

No Fóra de Serie, abordamos o “fenómeno Boiro”, berce de numerosos artistas do país e entrevistamos unha das persoas referentes do panorama literario a nivel nacional e alén da Galiza, Ledicia Costas. Amais da axenda cos actos destacados desta semana, publicamos a crítica literaria a cargo de Mario Regueira (Tempo transfigurado, de Cesáreo Sánchez Iglesias) e a crítica de cinema a cargo de Andrés Castro (T2 Trainspotting). Completa este Fóra de Serie “Mapa de bits”, a sección mensual sobre tecnoloxía e innovación, asinada por Iago Varela, e “Botar un ollo”, a columna  quincenal do deseñador Pepe Barro.