O Sergas vacinará da meninxite B case 15.000 crianzas a partir de novembro

Preparan unha nena para a vacinación en Ourense, neste comezo de 2022. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Tamén se ampliará a poboación albo que pode acceder á vacina contra o herpes zóster.

A Dirección Xeral de Saúde Pública aprobará en setembro o novo calendario de vacinas para a Galiza. Este incluirá, entre outras, a extensión a toda a poboación da inxección contra a meninxite B, o que permitirá a inmunización dunhas 14.700 crianzas a partir de novembro.

Actualmente, a cobertura no noso país é de 84,34%, pero sufragada polo financiamento privado dos proxenitores, tal e como manda a Administración galega. Os bebés a partir de dous meses xa poden recibir esta vacina que agora pasa a estar financiada.

Esta medida forma parte da actualización do calendario de vacinas anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa investidura, xunto coa contratación da subministración de vacinas fronte ao herpes zóster, que amplía a súa poboación albo.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu gabinete, o titular da Xunta lembrou tamén que ao final deste ano incluiranse dúas vacinas máis para a poboación menor de idade: a do virus do papiloma humano a todos os homes de 12 anos (até o de agora era só para as mulleres) e a antigripal tetravalente para as crianzas de entre 6 meses e cinco anos. 

Vacina contra o herpes zóster

En canto á vacina contra o herpes zóster, estará a disposición das persoas maiores de 18 anos con VIH, hemopatías malignas ou tumores polos que estean a recibir quimioterapia.

Até o de agora, só os maiores de 18 anos con transplantes autólogos, de órganos sólidos e tratamentos con fármacos anti-JAK eran os destinatarios.

Desta maneira, o número de persoas que recibirán esta vacina poderá pasar das 1.500 actuais ás 15.000. Tamén está previsto que se poida empezar a administrar a partir de novembro deste ano.