A área sanitaria de Vigo defendeu o protocolo Covid implantado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos hospitais após o pasamento dunha muller en estado terminal infectada de coronavirus, que só puido recibir a visita dos seus familiares no Hospital Cunqueiro cando xa estaba inconsciente.
A xustificación do Sergas chega o mesmo día no que a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, se reunise co fillo da finada, Manuel Iglesias, quen relatou a súa "tráxica" experiencia e denunciou a actuación da área sanitaria.
O Servizo Galego de Saúde afirma que o confinamento da muller levouse a cabo nas "condicións habituais" e que os achegados recibiron "información diaria" da súa situación médica.
Pese ás explicacións, tanto o fillo desta muller como o BNG exixiron que se mude o protocolo Covid nos hospitais, xa que actualmente as condicións non son as mesmas que as existentes durante o comezo da pandemia.
Revisión do protocolo
Manuel Iglesias argumentou que a revisión do protocolo Covid nos hospitais "merece unha reflexión", xa que o nivel de vacinación actual na Galiza é de 90%, polo que o escenario debería cambiar.
"Hai que adaptar os protocolos coas persoas expertas e valorar e ter en conta se este protocolo pode seguir funcionando así cando hai unha situación de fase terminal e non teñen este acompañamento"
Agarda que o ocorrido a súa nai e a súa familia "sexa un punto de inflexión" para que "máis familias non teñan que pasar por isto", polo que instou "todos os actores políticos" a que "aúnen esforzos" xunto coa comunidade médica para "mover esta situación".
Algo co que concordou a voceira nacional do BNG, quen afirmou que "hai que adaptar os protocolos coas persoas expertas e valorar e ter en conta se este protocolo pode seguir funcionando así cando hai unha situación de fase terminal e non teñen este acompañamento".