O BNG pide "revisar" os protocolos nos hospitais e permitir o acompañamento ás persoas terminais

Ana Pontón reuniuse con Manuel Iglesias, un mozo cuxa nai morreu recentemente no Hospital Álvaro Cunqueiro sen poder ser despedida polos seus achegados. "Esta é a historia da miña nai, mais é a historia de tantas nais e tantas familias que están a sufrir", dixo. ENQUISA | Cres que debería mudar o protocolo Covid nos hospitais?
bng
photo_camera Manuel Iglesias (esquerda) non puido despedirse no hospital da súa nai. Esta sexta feira reuniuse no Parlamento coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e máis a deputada Montse Prado (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta sexta feira "revisar" os protocolos de acompañamento aos pacientes nos hospitais, escoitando "con cautela" as necesidades das familias e persoas ingresadas, logo da experiencia "tráxica", segundo el mesmo describiu, de Manuel Iglesias coa súa nai, que morreu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sen poder ser despedida polos seus achegados.

Pontón, xunto á portavoz de Sanidade do grupo, Montse Prado, reuniuse con Iglesias no seu despacho do Parlamento para coñecer a situación vivida por esta familia, que perdeu á nai, Rosario, hai uns días. "É un tema delicado e quixemos escoitar de primeira man o testemuño de Manuel, porque nos parece que debería servir para tirar conclusións, que melloren as cousas e que haxa un trato o máis humanizado posíbel cando ingresan nun hospital os pacientes", sinalou Pontón, quen avoga por estudar "axustes" nestes protocolos.

A líder nacionalista trasladou as súas "condolencias" e mostrou empatía coa "dor" pola perda da nai e, máis, nestas circunstancias nas que non houbo "acompañamento". Entendendo que "a Covid segue a ser unha pandemia", a portavoz do BNG apostou, con "toda a cautela", por "escoitar ás persoas como Manuel". "Hai que adaptar os protocolos coas persoas expertas e valorar e ter en conta se este protocolo pode seguir funcionando así cando hai unha situación de fase terminal e non teñen este acompañamento", sinalou.

Aliás, considerou que esta cuestión "merece toda unha reflexión", lembrando que o nivel de vacinación actual, como tamén subliñou Manuel Iglesias, é agora moi alto —máis de 90% na Galiza— e que, polo tanto, non son as mesmas circunstancias que cando principiou a pandemia.

A historia "de moitas nais"

"Temos que poder acompañar as persoas", manifestou, salientando a "cautela", mais pedindo unha "reflexión" sobre esta cuestión, como reclamou, así mesmo, Manuel Iglesias: "Non podemos privar ningunha persona de ter un acompañamento. Esta é a historia da miña nai, mais é a historia de tantas nais e tantas familias que están a sufrir".

O fillo de Rosario instou "todos os actores políticos" a que "aúnen esforzos" xunto coa comunidade médica para "mover esta situación", que é "moi tráxica e moi dura". "Cando menos, que sirva para algo, que esta historia, como dicía Ana [Pontón], sexa un punto de inflexión, que máis familias non teñan que pasar por isto", sentenciou.

Preguntada Pontón por se avoga por unha revisión total dos protocolos para garantir dereitos dos pacientes e familiares, incluídos os que atinxen ás mulleres embarazadas e singularmente nos partos, a líder do Bloque quixo centrarse neste tema concreto após a decisión "dura e valente" de Manuel Iglesias, "sen desviar moito a atención, máis aló de que hai outras circunstancias que se poden mellorar moito na atención sanitaria".

Comentarios