O Sergas propón sancionar por "falta grave" o xinecólogo de Verín

Concentración en apoio ao xefe de Xinecoloxía de Verín en novembro de 2020. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A instrutora do expediente disciplinario aberto a Javier Castrillo, xefe de servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín e cabeza visíbel da loita social contra o feche do paridoiro comarcal, propón unha sanción de dous días de suspensión das súas funcións por "falta grave".

A proposta de sanción responde á denuncia presentada por unha compañeira pediatra coa que o 1 de decembro de 2019, coincidindo co primeiro día de feche obrigatorio do paridoiro e do servizo de pediatría de Verín por parte da Xunta, mantivo "unha discrepancia" tras oporse ao traslado a Ourense dun neno acabado de nacer.

A instrutora do expediente disciplinario suxire á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade que Javier Castrillo sexa considerado responsábel dunha "falta grave" tipificada no Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde por "grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou usuarios", e que sexa sancionado con dous días de suspensión  de emprego e soldo.

Penso seguir intentando demostrar que non cometín ningunha falta

Malia que o castigo é mínimo, fronte aos dous anos de suspensión que estabelece a norma, "manteñen que se trata dunha falta grave, algo que eu estimo totalmente inxusto, polo que penso seguir intentando demostrar que non cometín ningunha infracción", afirma Castrillo en declaracións a Nós Diario.

O xinecólogo defende a súa actuación e censura que se lle dea "presunción de veracidade" ao testemuño da pediatra, "que ninguén máis corrobora". Javier Castrillo reitera que o que ocorreu entre eles é algo que acontece todos os días en todos os hospitais sen que pase nada. "Foi unha discrepancia de opinións a raíz da cal a pediatra elevou unha denuncia, segundo recoñeceu, a petición do seu xefe de servizo, que comprendo que vele polos intereses dos seus profesionais, e do xerente da área sanitaria, que é tanto seu coma meu. Antes de alentar esta traballadora a denunciarme debería ter falado comigo. Mais non o fixo", o que demostra, di, que non actuaron con imparcialidade.

Alegacións

Castrillo dispón dez días para presentar alegacións á proposta de sanción administrativa, unha vía que vai esgotar malia que non espera ningunha recuada. "Está claro que quixeron darlle unha saída sen recoñecer que se equivocaron, que non actuaron con xustiza nin equidade".

Superado este prazo valorará acudir á xustiza ordinaria. "Se non teño que empeñar a casa vouno facer porque non quero que no meu expediente, sen motivo, quede unha mancha que non merezo, unha falta grave que non cometín". 

Retirada do expediente

Tras coñecer a proposta de sanción, desde o BNG, a deputada Noa Presas reiterou o seu apoio a Javier Castrillo. "Esta situación é escandalosa", insistiu. "E o feito de que a proposta de sanción sexa só de dous días de suspensión pon de manifesto que estamos ante unha manobra de persecución que non se sostén". 

Por iso, dixo, a única saída admisíbel para o seu partido é que se retire o expediente e que "a sanción non sexa nin dun minuto nin dun só euro", ademais de que o PP pida desculpas por ser "a man escura desta persecución", que o único que busca é enviar unha mensaxe de ameaza aos profesionais sanitarios que "responden ás medidas da Xunta".