Javier Castrillo: "Hai unha motivación clara contra min"

Javier Castrillo comparece ante os medios durante a manifestación de apoio que recibiu a pasada segunda feira en Verín (Rosa Veiga / Europa Press).
O xefe de Xinecoloxía de Verín admite un escrito dirixido na súa contra e asegura que "polo que pasou aquí" hai agora un ano "á pediatra non se lle pasaría pola imaxinación poñer unha denuncia en Inspección". 

Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Verín declarará mañá ante a Inspección sanitaria de Vigo a raíz do expediente disciplinario aberto contra el polo Sergas.

O procedemento resolverase de forma interna, no marco dun sistema "moi xerarquizado", tal como explicou o afectado a Nós Diario, onde "se hai un superior que me quere afundir, non teño practicamente ningunha defensa". Castrillo podería ser sancionado con dous anos de inhabilitación por "unha discrepancia" con unha pediatra tras opoñerse ao traslado a Ourense dun neno acabado de nacer en Verín o 30 de novembro de 2019, un día antes do feche, por parte da Xunta,  do paritorio mais do servizo de pediatría do centro comarcal.

A pediatra non impulsou ningunha denuncia senón que a petición do xefe de servizo e do xerente de área asinou un escrito

Un ano despois de que as protestas sociais devolvesen os servizos clausurados á veciñanza e de que Castrillo se convertese nun dos rostros máis visíbeis das protestas, Sanidade incoou un expediente que en palabras do xinecólogo ten "máis ánimo desquite que de facer xustiza".

Preguntado ao respecto o pasado 26 de novembro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, negou que o seu Goberno emprendese "unha persecución" política contra Javier Castrillo. "Aquí hai un erro. Non é ningún expediente disciplinario. É unha denuncia dunha pediatra sobre un xinecólogo por entender que foi tratada de forma absolutamente inaceptábel ante unha familia", remarcou Feixoo. 

A pediatra desmente Feixoo

Desta forma, o xefe do Executivo galego depositou nesta profesional a iniciativa da denuncia e dun expediente punitivo que mañá comeza a instruírse.

Máis a documentación aportada desmente os argumentos de Núñez Feixoo. Segundo avanzou o dixital Diario do Támega, durante a primeira instrución ante a Inspección sanitaria de Ourense en decembro do ano pasado, a pediatra a quen responsabiliza Feixoo declarou: "o informe naquel momento non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo quen falou con Xerencia e pedíronme que o fixese". Así, da súa comparecencia dedúcese que o escrito no que se relata o sucedido non saíu dela, senón do seu xefe de servizo, Santiago Fernández Cebrián, mais do xerente da área de Ourense, Félix Rubial

Abríuseme un expediente por unha falta grave que non é tal aínda sendo verdade a declaración da pediatra

"Por respecto á instrutora eu non quixen dar a coñecer esta información", declara a este xornal Javier Castrillo, "pero así figura na documentación. A pediatra non impulsou ningunha denuncia senón que a petición do xefe de servizo e do xerente de área asinou un escrito que eles mesmos trasladaron aos servizos de Inspección, de aí á Xunta, que o devolveu á Xerencia, que decidiu a incoación do expediente".

"É evidente que hai unha motivación clara contra min", recalca o xinecólogo. "Abríuseme un expediente por unha falta grave que non é tal aínda sendo verdade a declaración da pediatra. Diferenzas como a que tivemos hainas a diario nos hospitais, mesmo máis fortes. Pero o seu relato, inducido, dirixido, ten toda a presunción de veracidade fronte á subxectividade das miñas apreciacións". 

Desde o día que viñeron anunciar o feche do paritorio, advirte Castrillo, "isto foi unha cadea de mentiras" que acabou atinxindo tamén ao presidente da Xunta.