A pediatra desmente que o informe contra Castrillo fose por “iniciativa propia” e sinala a Xerencia

Mobilización en apoio a Castrillo (Foto: Nós Diario)

‘Diario do Támega’ publica un documento que contradí a versión do Goberno de Núñez Feixoo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo nega que se estea a “perseguir” ao xefe do departamento de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, pola súa participación nas mobilizacións para que non se cerrara o paridoiro da instalación. Non foi a consellaría, afirmou o presidente, a que iniciou o proceso senón que atendeu a unha denuncia dunha pediatra coa que Castrillo supostamente tivo un enfrontamento no pasado polo traslado dun bebé a Ourense.

Porén, un documento ao que tivo aceso o ‘Diario do Támega desmentiría a versión de Núñez Feixoo e indica que foron Cebrián e Rubial, xefe do Servizo de Pediatría do  CHUO e xerente de Área, respectivamente, os que deron os pasos para ese expediente.

“O pasado 5 de novembro, Alberto Fuentes Losada, secretario  Xeral Técnico da Xunta, asinaba dixitalmente o acordo de incoación do expediente disciplinario contra o xefe do Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín”, publica este medio dixital, que a seguir reproduce o contido do que afirma que é ese documento.

“O pasado 23 de decembro de 2019, a pediatra comparecía ante a Inspección de  Servizos Sanitarios da  Xefatura Territorial dá Consellería de  Sanidade de Ourense. A primeira das preguntas expostas á facultativa pola inspectora médica foi, de tenor literal:

- A quen deu traslado do escrito no cal se describen o feitos obxecto desta información reservada? -en referencia ao acontecido o pasado 1 de decembro de 2019, cando Javier Castrillo tentou impedir que se trasladase ao último (ata entón) bebé nado no  paritorio verinés, que xa ese día estaba pechado por orde de Rubial-.

Ao que a pediatra respondeu:

- Á Xerencia a través do meu xefe de servizo. O informe naquel momento non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo que falou con Xerencia e pedíronme que o fixese”.

Desta resposta, indica Diario do Támega, infírese que a peditara “non tiña intención algunha de, por "iniciativa propia", de redactar o informe que máis tarde si rubricaría a pedimento do responsábel do Servizo de Pediatría do  CHUO, Fernández Cebrián, e do xerente de área, Félix Rubial”.