O Sergas oculta as cifras de vacinas que foron ao lixo

Xiringa extraendo unha dose da vacina contra a Covid-19 de Pfizer-BioNTech. (Foto: Feydzhet Shabanov)

O Servizo Galego de Saúde négase a revelar o número de vacinas desbotadas desde o comezo da campaña de inmunización na Galiza. Amais, en recintos como o Ifevi, impuxo condicións laborais extremas para as profesionais, o que derivou en que a quinta parte do persoal tivera que pedir baixas laborais por ansiedade.

Na Galiza “non se desbotan doses” das vacinas contra a Covid-19, gábase o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a Nós Diario despois de inquirir sobre a cifra de vacinas que foron ao lixo sen poder ser inoculadas.

Porén, esa afirmación é rotundamente falsa. Distintas profesionais sanitarias consultadas aclaran que durante o proceso de vacinación que comezou nos últimos días de 2020, múltiples doses tiveron que ser desbotadas.

Unha enfermeira que participou na vacinación no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que pediu non publicar o seu nome por temor a represalias laborais por parte da Consellaría de Sanidade, confirma que na meirande parte das xornadas había un número reducido de vacinas (unha ou dúas) que eran desbotadas, cun máximo de até cinco doses diarias que remataban no lixo pola lóxica do proceso de vacinación.

Aínda que nos primeiros intres da campaña o número fora maior, a aprendizaxe e o bo facer das e dos coordinadores, destaca, permitiu axustar o número de doses sobrantes co paso do tempo

6 horas para cada frasco

Cada vacina ten que ser procesada polo persoal médico dun xeito diferente, no caso da máis utilizada no Estado, a de Pfizer-BioNtech, aos frascos que chegan a unha temperatura de entre -80 °C e -60 °C se lles introduce soro salino para diluírse co resto de compoñentes. Unha vez feito este proceso, hai un máximo de seis horas para aplicar as seis doses que contén cada frasco antes de que xa non se poidan inocular, indica o documento técnico do fabricante.

A pesar de que o Sergas insiste en que contra “o final de cada xornada de vacinación, o persoal sanitario reconta o número de persoas que aínda están agardando para vacinarse -na fileira- para preparar o número de xiringas exacto que están pendentes de administrar”, a profesional incide en que na práctica é frecuente que se chega unha persoa cara ao final do día e iso implica ter que abrir un novo frasco, o resto de doses teñan que ser desbotadas, por mor de que, no caso de Pfizer, non é posíbel mantelas até o día seguinte.

Asemade, a non asistencia de persoas citadas a súa hora para vacinarse dificulta que se poda apurar até a derradeira dose de cada frasco nesas situacións, explica Natalia Prego, enfermeira da planta de Enfermidades Infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Prego confirma que noutro dos puntos de vacinación masiva na Galiza, o de EXPOCoruña, e con maior énfase no comezo do proceso, un feixe de doses remataban no lixo co gallo de que se picaban distintos compostos en distintas fases da xornada, “se [as e os usuarios citados] foran na súa quenda non había problema”, asegura.

Reclamación á Valedora do Pobo

Nós Diario presentou no Portal de Transparencia unha solicitude para coñecer o número exacto de doses que non puideron ser utilizadas. Así e todo, o Sergas negouse a responder, polo que foi efectuada unha reclamación á Valedora do Pobo, co obxectivo de que cumpra coa lexislación vixente no eido da información pública.

O que si está confirmado é que, aínda que non os queiran facer públicos, contan con eses datos.

A coordinadora de vacinación no Barco de Valdeorras, Gemma Rodríguez, asevera que ao final de cada xornada, teñen que enviar un informe a Sanidade incluíndo número de frascos abertos, doses administradas ou doses desbotadas.

Ademais, Rodríguez sinala que tamén erros humanos, como, de “xeito puntual”, xiringas que caen ao chan, implican que haxa doses que non se poidan usar.

Con todo, matiza que no caso de Valdeorras, cun menor número de volume de vacinación, foron quen de impedir que se desbotaran vacinas até o comezo das xornadas de portas abertas neste mes, tirando da listaxe e no caso de ter que abrir un novo frasco, buscando as persoas que estaban sen vacinar, mais “se vén alguén a última hora e tes que abrir un frasco é máis difícil”, afirma, máis aínda cando a poboación sen inmunizar é cada vez menor.

Unha trituradora de profesionais

Malia que as e os sanitarios consultados coinciden na dureza do proceso de vacinación e na intensificación das súas responsabilidades durante a pandemia, as persoas asignadas no Ifevi sufriron condicións especialmente difíciles.

Isto levou a unha quinta parte do persoal asignado a verse obrigado a ter que coller baixas por ansiedade, confirma a profesional destinada no recinto feiral, que revela como desde o comezo da campaña as sanitarias non coñecían o seu horario até poucas horas antes.

“Había unha carteleira hipotética na que poñían as roldas, mais tiñas que corroborar a túa quenda cun correo eléctrico a noite anterior, fóra das horas de traballo”, narra, co cal era común que unha vez no Ifevi, os cambios de horario provocaran que “quedaras a deber un día”, ao non chegar na hora imposta.

Tamén reitera a práctica imposibilidade de conseguir días libres ou vacacións. “Non tiñamos resposta até o último intre”, laiase, e a resposta “case sempre” era unha negativa. A isto hai que engadir que o Sergas mantiña polo xeral o mesmo persoal houbera 1.500 ou 6.000 persoas citadas para vacinar.

“O que era máis alarmante”, prosegue, “é que ás veces subía xente de Atención Primaria a facer horas extraordinarias”, entrementres, “aos que estábamos alí traballando días con pouca vacinación mandábannos ao hospital a cubrir ocos”, provocando as queixas das profesionais. “Era todo moi caótico”, sentencia.

Esta situación levou a unha desbandada xeral de sanitarios en xuño, resolta polo Sergas obrigando a persoas con contratos de emerxencia destinados noutros lugares a ir ao Ifevi para manter o traballo, abunda.

Noutras áreas sanitarias, tamén houbo que “facer encaixe de bolillos para cadrar a vida persoal coa programación”, apunta Rodríguez, pero tras os primeiros meses, o traballo das coordinadoras permitiu contar cunha programación "case semanal", cando menos en Valdeorras.