O Sergas non prevé facer fixos os 738 contratos temporais pola pandemia

Persoal do Servizo Galego de Saúde (Foto: Xunta).
Renovarase até marzo de 2022 o persoal que remataba contrato entre o 30 de novembro e o 31 de decembro.

A Xunta da Galiza non ten intención de reforzar o sistema sanitario público unha vez rematada a pandemia. Así o evidenciou a decisión da Consellaría de Sanidade, publicada nesta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), de prorrogar "cando menos" até marzo de 2022 os contratos temporais vencellados á situación sanitaria extraordinaria.

Trátase, en concreto, de 738 profesionais cuxa vinculación co Servizo Galego de Saúde (Sergas) remataba entre hoxe, 30 de novembro, e o vindeiro 31 de decembro.

No marco do persoal sanitario a medida afecta 284 enfermeiras, cinco especialistas en enfermaría familiar e comunitaria, 55 de técnica superior en laboratorio de diagnóstico clínico, nove de técnica superior en imaxe para a diagnose e 135 en coidados auxiliares de enfermaría.

A medida involucra, así mesmo, outras 135 traballadoras e traballadores das categorías de técnico superior en prevención de riscos laborais —catro—, celadora —55—, auxiliar administrativa —56— e persoal de servizos xerais —20—, así como outros 115 contratos de enfermaría que tamén estaban a piques de concluír.

Sanidade toma esta decisión alegando que, se ben a situación de emerxencia sanitaria rematou oficialmente o pasado 21 de outubro, "as necesidades sanitarias actuais demandan a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vencellados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra a Covid-19, así como a cobertura de ausencias de persoal".

Malia ser aprobada a medida na Mesa Sectorial de Sanidade co apoio da meirande parte dos sindicatos, outros como a CIG votaron en contra ao considerar que tanto estas prórrogas como o Plan de continxencias do Sergas son "insuficientes" e "non dan resposta ás necesidades asistenciais".

As titorías clínicas contarán como "mérito"

Por outra banda, Sanidade está a artellar un decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada que busca "regular e harmonizar o labor docente" na formación das e dos especialistas médicos e residentes, "optimizar a calidade" no proceso e incrementar o número de facultativos na Galiza.

Entre outros aspectos, o decreto recoñecerá o labor das titoras e titores clínicos como "mérito" na carreira profesional e a convocatoria de prazas.