O Sergas diagnosticou 70 tumores en crianzas en 2021

Interior dun hospital (JCCM/EP).
O diagnóstico precoz revélase chave na supervivencia. Tamén os tratamentos en unidades asistenciais experimentadas.

Un diagnóstico precoz e os tratamentos en unidades asistenciais experimentadas melloran a taxa de supervivencia do cancro en crianzas, así o evidencian os datos. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) continuou a detectar casos de cancro infantil durante a pandemia da Covid-19, rexistrando 70 novos tumores pediátricos durante o ano 2021 e 71 en 2020, cifras similares aos 64 casos detectados en 2019 ou os 69 de 2018.

O cancro, a segunda causa de morte infantil

En comparación con outras idades, a  incidencia de cancro na infancia é baixa. Nos últimos anos, ferramentas como o diagnóstico precoz e o tratamento en unidades asistenciais con experiencia melloraron as taxas de supervivencia, que superan o 70% na actualidade. Con todo, esta doenza é a segunda causa de morte en menores de 18 anos.

A falta de consolidar os datos do pasado ano, durante o ano 2020, rexistráronse perto de 840 ingresos de menores de idade nos hospitais da rede pública do Servizo Galego de Saúde e Povisa. Estes ingresos tiveron como obxectivo que as crianzas recibisen atención sanitaria á súa doenza oncolóxica e puidesen seguir algún tipo de tratamento: quimioterapia, inmunoterapia ou radioterapia.

A OMS dá máis datos 

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o cancro "é unha das principais causas de mortalidade na infancia e na adolescencia. A probabilidade de que unha crianza sobreviva un diagnóstico de cancro depende do país en que viva.

Nos países de ingresos altos, máis de 80% da rapazada afectada de cancro cura da doenza, mais en moitos países de ingresos baixos ou medios, só curan menos de 30%."

Estas menores taxas de supervivencia nos países de ingresos baixos ou medios "poden explicarse por un diagnóstico tardío", indica a OMS. A falta de acceso a un tratamento tamén ten grande influencia á hora de determinar a supervivencia.