Enfermeiras eventuais piden "máis feitos e menos palabras" ao Sergas

Após reunirse coa directora de recursos humanos do Sergas, o colectivo Enfermeiras eventuais en loita lembra que "40% do persoal é temporal" e urxe mellorar as condicións laborais para atallar a escaseza de persoal.
Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse).
photo_camera Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo (Foto: Satse).

O colectivo Enfermeiras eventuais en loita vén de reunirse coa directora de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), nun encontro do que as profesionais de enfermaría extraen unha conclusión principal: "Máis feitos, menos palabras".

Neste senso, instan o Sergas a "ter en conta" as súas propostas, xa que "40% do persoal é eventual" neste servizo.

"Antes da pandemia a problemática era só laboral, mais agora afecta o Sergas e tamén a sanidade pública, que non atopa persoal de enfermaría", sosteñen.

Esta "escaseza" de profesionais, insisten, "é debida ás condicións laborais tan precarias que ofrece [o Sergas], polo que queda patente que o cambio é máis que necesario".

As enfermeiras aclaran que a meirande parte das propostas trasladadas nesta xuntanza "non implican un grande investimento económico e poden ter unha implantación inmediata", e poñen algúns exemplos: "A transparencia, a fin do abuso do acumulo de tarefas e que cada necesidade se cubra co nomeamento axeitado; por exemplo, cubrir unha baixa cun contrato nominal".

Aliás, piden que se "unifiquen" os criterios de xestión en todas as áreas sanitarias e que se garantan os dereitos laborais de todo o persoal eventual, así como "desbloquear a negociación do pacto de selección temporal, que tería que estar negociado en 2020".

"A eficacia desta reunión só se verá se as medidas presentadas son aplicadas, polo que repetimos, menos palabras e máis feitos", conclúe o comunicado das Eventuais en loita.

Comentarios