O Sergas deriva un positivo na COVID-19 á residencia de Celanova con persoas sas

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Imaxe: Rosa Veiga / Europa Press).
O Sergas devolveu á residencia San Carlos de Celanova un usuario deste centro positivo en coronavirus e que fora trasladado previamente ao hospital de Ourense. O paciente mantense como positivo. Ademias, das 18 profesionais da residencia privada de maiores San Carlos de Celanova que estaban de baixa por coronavirus só unha tivo que facer a segunda proba, debido a ser empregada a través dunha subcontrata. O seu positivo obrigou a volver a analizar ao resto, e evitou así que 7 contaxiadas entraran a traballar no centro de Celanova, reservado para persoas sas.

O Sergas devolveu á residencia San Carlos de Celanova un usuario deste centro positivo en coronavirus e que fora trasladado previamente ao hospital de Ourense. O paciente mantense como positivo.

Neste centro de Celanova rexistráronse ao comezo da pandemia 46 persoas positivas en coronavirus. Todas as afectadas foran trasladadas ao centro integrado habilitado pola Xunta en Baños de Molgas para separalas das usuarias sas, excepto sete casos que presentaban gran dificultade de mobilidade.

A día de hoxe, dentro da residencia San Carlos, hai 7 casos de COVID-19, mais non se corresponden cos mesmos 7 que non foran mobilizados a Molgas. Pois unha paciente deu negativo e sumouse o home trasladado desde o hospital de Ourense. Desde o BNG de Celanova sinalan que o feito de a cifra manterse en 7 é a escusa para o Sergas non recoñecer que introduciu un contaxiado no centro de usuarias sas en lugar de levalo do hospital ao centro de Molgas.

Até o de agora, os movementos en Celanova de usuarias foran para separar contaxiadas de sas, derivando as afectadas do centro de Celanova á residencia de Baños de Molgas ou ao hospital de Ourense. A Celanova volvían só persoas negativas na COVID-19, tanto desde o hospital de Ourense como desde Molgas.

“O tráfico tivera sempre o mesmo sentido: sacar positivos da residencia de Celanova e levalos para o hospital de Ourense ou para Baños; e devolver negativos, en teoría inmunizados, a Celanova”, explica nun comunicado público o portavoz do BNG en Celanova Leopoldo Rodríguez, onde denuncia este cambio de actuación de Sergas.

“Isto é novo e parece froito do descontrol no que seguen a incorrer as autoridades sanitarias con Celanova, unha improvisación contraditoria co protocolo que aconsellou trasladar 33 pacientes entre o 24 e 27 de marzo cara a Molgas”.

Nós Diario conversou na quinta feira, 16 de abril, con María Rodríguez, portavoz das e dos familiares das persoas usuarias de San Carlos, e denunciou que, logo dun mes desde que se diagnosticara o primeiro contaxio no centro, a residencia estaba sen persoal médico nin enfermeiro. Desde o BNG de Celanova informaron a Nós Diario de que onte, sexta feira 17 de abril, comezou a traballar un enfermeiro, “mais tan só a media xornada”.

Un novo falecemento na residencia de Celanova

Este sábado 18 de abril confirmouse un novo falecemento no hospital de Ourense dunha persoa residente do centro San Carlos de Celanova. Con ela, son nove as persoas desta residencia que morreron nos últimos días.

Porén, só 7 son computadas como defuncións por coronavirus, as outras dúas non foron diagnosticadas.

Un segundo test evita un desastre en Celanova

18 traballadoras de baixa por resultaren contaxiadas de coronavirus estaban chamadas a incorporarse na residencia de San Carlos de Celanova a pasada segunda feira.

Debido ao protocolo do Sergas do 8 de abril, as traballadoras de servizos sociosanitarios teñen que reincorporarse inmediatamente ao traballo sen agardar á segunda proba da COVID-19, iso si, unha vez que pasen o período de corentena.

Como unha traballadora de San Carlos desempeñaba o seu posto a través dunha subcontrata, non figuraba identificada como persoal do sector sociosanitario polo que si fixo a segunda proba e deu positivo.

Así, mentres as súas compañeiras estaban a recibir as altas saltou a alarma de que tamén elas poderían seguir contaxiadas. O Sergas inmediatamente prorrogou unha semana máis a baixa das 18 e todas elas fixeron probas novas na cuarta e quinta feira.

Polo de agora, segundo indican fontes do BNG a Nós Diario, 7 das 18 deron xa positivo. “Senón lle chegan a facer a segunda proba a esa traballadora, agora mesmo estarían 7 persoas infectadas atendendo as maiores sas de Celanova”, resaltan. Usuarias e familiares delas, así como o BNG, exixiron reiteradas veces a intervención por parte da Xunta desta residencia.