O BNG pide que a Xunta interveña a residencia de Celanova

Exterior da Residencia San Carlos de Celanova (Foto: Europa Press).

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que “na Residencia San Carlos de Celanova faltan recursos humanos e materiais, que o persoal ao cargo non recibiu a formación necesaria e non se están a atender as recomendacións dos expertos en xeriatría”.

O Bloque Nacionalista Galego de Celanova cuestiona que a Xunta da Galiza non interviñese aínda a Residencia San Carlos, na que segundo denuncian “faltan recursos humanos e materiais, que o persoal ao cargo non recibiu a formación necesaria e non se están a atender as recomendacións dos expertos en xeriatría”.

“Con seis falecidos, coa residencia dividida en dúas, coa atención deficiente malia o esforzo sobrehumano das traballadoras, en medio da irresponsabilidade da Xunta que ignora a orde ministerial de intervir nunha emerxencia sanitaria desta envergadura, coas familias abandonadas por todas as administracións e sen poder coñecer o estado real das anciás e anciáns, que máis ten que pasar para que a Xunta interveña o centro?”, pregúntase Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG de Celanova.

Os nacionalistas claman ante a “falta de recursos humanos e materiais”, a “falta de cualificación do persoal”, a “Falta de respecto das recomendacións das expertas en xeriatría” e das “recomendacións das profesionais da bioética”, así como polo feito de que a Xunta “desatenda as sucesivas ordes ministeriais que a obrigan a intervir nas residencias en situación de emerxencia”.