O Sergas activará un número de teléfono para turistas con síntomas da COVID-19

Realización do test da COVID-19 para o estudo epidemiolóxico da Xunta na entrada dun centro de saúde (Europa Press).
A Consellaría de Sanidade recoñece que coa apertura das fronteiras internacionais "xérase a necesidade de control dos accesos de cidadáns estranxeiros a territorio español" perante os "posíbeis riscos".

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) activará a vindeira semana, co fin do estado de alarma xeral e perante a chegada de visitantes de fóra da Galiza, un número de teléfono para que as persoas que acudan desde outros lugares e presenten sintomatoloxía compatíbel coa COVID-19 "poidan contactar para iniciar unha consulta telefónica".

Así o explicaron fontes da Consellaría de Sanidade a Europa Press, que aseguraron que "ante calquera sospeita de COVID" a persona de fóra da Galiza afectada "recibirá atención sanitaria nas mesmas condicións que calquera outro cidadán".

As mesmas fontes de Sanidade explicaron que a Xunta "conta cun plan de control e vixilancia ante posibles rebrotes" no que, con respecto á atención aos turistas que se despracen a Galiza, "estabelécese xa, entre outros aspectos, o dispositivo que permitirá a atención de calquera sospeita de coronavirus" en "un modo semellante a como se faría con calquera cidadán con tarxeta sanitaria na Galiza".

Así mesmo, por parte de Sanidade sinalan que, "coa apertura de fronteiras adiantada" polo Goberno español á vindeira segunda feira (día 22 de xuño), "xérase a necesidade de control dos accesos de cidadáns estranxeiros a territorio español".

A respecto diso, lembran que este control "é competencia exclusiva do Estado, de acordo co previsto no artigo 149 da Constitución". "A sanidade exterior implica o control e vixilancia de todos os posíbeis riscos para a saúde derivados da importación e exportación de mercadorías" e, tamén, "o tráfico internacional de viaxeiros", engaden.

"Por este motivo veuse solicitando en reiteradas ocasións ao Goberno estatal a necesidade de dispor dun plan para levar a cabo estas actuacións de control que corresponden á súa exclusiva competencia", concluíron as mesmas fontes de Sanidade.

Reactivación asistencial no Sergas

O Sergas afronta a próxima chegada de visitantes foráneos á Galiza, após ser a primeira en acceder o pasado 15 de xuño á denominada "nova normalidade" no marco da crise sanitaria polo coronavirus, cos seus hospitais e centros de saúde na última etapa do plan de reactivación asistencial.

En concreto, os centros de saúde avanzarán esta segunda feira á etapa 4 do plan de reactivación asistencial no marco do desconfinamento con motivo da crise sanitaria, polo que reactivarán os sistemas automáticos telefónicos de citación e retomarase a realización de actividades grupais.

Así consta no documento do Sergas Plan de Reactivación Asistencial en Atención Primaria en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, recollido por Europa Press, no que se indica que, nas unidades de saúde bucodental, renovaranse as "actividades odontológicas de risco alto" de transmisión do virus, aquelas que xeren aerosois.

Neste grupo, explica o Sergas no documento, están incluídas actividades diarias como odontosección, ostectomías, seladores, tartrectomías e obturacións, entre outras. No entanto, puntualízase no texto que nesta cuarta etapa "non se incorporarán os pacientes maiores de 70 anos".

En canto á atención hospitalaria, os hospitais do Servizo Galego de Saúde comezaron onte a recuperar a cirurxía menor hospitalaria non oncolóxica ao avanzar á cuarta e última etapa do plan de reactivación asistencial, que remata o día 3 xullo.

Nesta cuarta etapa do plan o Sergas indica que "se consolida a recuperación da normalidade na actividade hospitalaria", mais sinala que seguirán os circuítos diferenciados e as áreas COVID-19 "en previsión de posibles brotes da enfermidade, dimensionando os mesmos en función da demanda asistencial".