Fin do estado de alarma: máis mobilidade, maior risco

Unha terraza (Arxina).
O estado de alarma chega á súa fin, e con ela, a libre mobilidade por todo o territorio. A partir da vindeira segunda feira as condicións serán iguais para o conxunto do Estado. O intercambio de turistas pode aumentar o risco de contaxio e complicar o rastrexo de novos casos, se non se extrema a prevención.

Tres meses e unha semana despois, o estado de alarma chega á súa fin este domingo. Á media noite do 21 de xuño quedará restabelecida a libre mobilidade entre cidades de todo o Estado. E malia que non todas os territorios accederon aínda á fase de nova normalidade que a Galiza estreou a primeiros desta semana, a poboación poderase desprazar a centos de quilómetros, respectando, iso si, determinadas medidas de seguridade.

Con todo, Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, o risco de contaxio non desapareceu. O virus segue circulando e aínda que "a transmisión é cada vez menor", o perigo mantense.

O sistema de saúde pública estaba baixo mínimos e coa chegada de xente de fóra será máis difícil rastrexar determinados casos.

"O sistema funciona. A transmisión controlouse. Estamos nunha fase na que case todos os casos teñen unha orixe concreta que nos permite actuar especificamente, pero o risco aínda está aí. Non hai que angustiarse pero temos que ter coidado", advertiu Simón, quen recomendou non cambiar de provincia ou de comunidade salvo que sexa necesario. Pide cautela e atrasar calquera viaxe opcional até que o risco de contaxio sexa próximo a cero.

Prudencia e contención

Concorda con el o director do departamento de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). "A situación epidemiolóxica na Galiza está bastante controlada, cuns indicadores que melloran os rexistros doutros territorios", que tamén conseguiron frear o avance do virus. "Isto é o que lle permite ao Goberno prescindir do estado de alarma. Creo que non hai motivo para seguir limitando a mobilidade das persoas, pero sempre baixo unha premisa, que actúen con prudencia e contención". É o momento da responsabilidade individual, salienta o profesor da USC Francisco Caamaño Isorna que incide nos beneficios da limpeza de mans, do distanciamento social e do uso da máscara. "Creo que podemos controlar a epidemia e ao mesmo tempo manter a actividade socioeconómica sempre que aprendamos a expresarnos máis coa mirada, a tocar o menos posíbel, a encontrarnos en espazos abertos, a frecuentar visitas contadas". A lóxica do libre movemento non se pode dar sen vacina ou sen un tratamento que funcione".

A mobilidade aumenta o risco de contaxio

Francisco Caamaño Isorna confía en que a poboación sexa capaz de asumir as rutinas da nova normalidade, porén, recoñece o que o incremento da mobilidade aumenta o perigo de contaxio e de novos rebrotes. Neste sentido, apunta, "o maior risco vai vir asociado ás persoas que nos visiten os próximos meses", debido, tamén ás diversas situacións epidemiolóxicas que se viviron no conxunto do Estado.

Por iso fai fincapé no seu chamamento á prudencia na mesma liña que apuntaba Fernando Simón. "Que o poidamos facer non significa que o debamos facer. Creo que seremos capaces de manter a relación cos demais sen limitar a nosa expresión, pero debemos gardar as distancias, mudar os saúdos, limitar o número de contactos e fuxir dos espazos fechados ou das aglomeracións". Porque será o máis útil para o control da pandemia, conclúe Caamaño Isorna.

"Será necesario reforzar algunhas estratexias de seguimento"

Sen a declaración de estado de alarma, as leis de saúde pública contemplan mecanismos que permiten limitar a mobilidade dun grupo de poboación concreto, ben identificado, sinala o profesor da USC Francisco Caamaño Isorna. "O Goberno galego podería tomar esa decisión baixo control xudicial, como ocorre con outras enfermidades infecciosas".

Mais neste caso, engade, cre que será necesario reforzar algunhas estratexias de seguimento de posíbeis contaxios. "O sistema de saúde pública estaba baixo mínimos e coa chegada de xente de fóra será máis difícil rastrexar determinados casos. No verán relacionámonos con xente que non coñecemos tanto, durante días contados. Polo tanto, o equipo de vixilancia pode ter problemas para localizar algunhas persoas coas que unha nova infectada puido estar en contacto", advirte.