Entrevista

Serafín González (SGHN): "Coa calor os solos liberan CO2 adicional á atmosfera"

Serafín González é biólogo e investigador do CSIC. (Foto: S.G.)
Secas máis intensas e prolongadas, maior risco de incendios... Os últimos episodios de calor extrema advirten dunha crise climática que pon o foco na xestión actual da contorna e o aproveitamento dos recursos naturais. 'Nós Diario' conversa ao respecto con Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

—Vimos de pasar unha vaga de calor inédita na Galiza. Ten que ver coa crise climática?
O feito de que haxa vagas de calor é algo normal dentro da meteoroloxía. Tamén na Galiza. No ano 90 houbo unha onda de calor moi parecida. A cuestión é que comecen a ser máis frecuentes, máis intensas e máis duradeiras. É ao que nos aboca o cambio climático e o que apuntan todos os modelos: aumentarán os fenómenos extremos, as temperaturas, e diminuirán as precipitacións no verán.

—De feito chegamos ao estío cun déficit de chuvias sobresaínte, coa terra moi seca, sen humidade que alivie as temperaturas extremas.
No inverno e na primavera choveu menos do habitual. Nalgunhas áreas choveu moito menos. A seca ocasiona importantes problemas ambientais pero tamén para a poboación humana.

—O satélite Copernicus deu conta das condicións do solo durante a vaga de calor con valores moi superiores aos do aire, sobre todo onde a masa arbórea é máis cativa.
Onde hai unha maior cobertura vexetal a temperatura do solo é máis baixa. O que sucede é que a seca limitou o crecemento da vexetación e deixou o solo espido. Isto, sumado á deforestación e ao manexo tan intenso do solo fai normal que se rexistrasen temperaturas máis altas. En consecuencia, o risco de incendios é máis elevado, pero tamén se incrementan as taxas de descomposición de materia orgánica e as emisións de CO2 á atmosfera.
 
—O solo é un importante depósito de carbono.
O solo é un depósito extraordinariamente importante de carbono. Nos ecosistemas temperados ou fríos, hai máis carbono no solo que na vexetación. Tamén na Galiza. A excepción está nos bosques tropicais.

—Significa que podemos aplacar o impacto da crise climática desde a propia xestión do solo?
Sen dúbida, e desde o punto de vista humano, das vilas e das cidades o que máis axuda son as zonas verdes cun arborado san. Suavizan moito as temperaturas. Pola contra, o que non temos que facer, por se non o tiñamos claro, é queimar o monte, porque ademais de contribuír ao efecto invernadoiro tamén nos deixa desprotexidos desa cobertura vexetal que contribúe a mitigar o impacto das vagas de calor. Neste sentido tampouco axuda o selado do solo con asfalto ou cemento. Temos que evitar esas illas de calor.

—Na contorna rural, son adecuados os usos agropecuarios?
O que máis favorece o coidado do solo é un manexo respectuoso da terra. A degradación é resultado dun manexo excesivamente intensivo, con abuso de fitosanitarios e fertilizantes. Se o que queremos é protexer a calidade do solo, que é un recurso non renovábel a escala humana, temos que ir a uns usos extensivos, garantes da biodiversidade dos solos, o seu funcionamento e a súa fertilidade. Este traballo de conservación non será posíbel sen un aproveitamento razoábel dos recursos hídricos. Aínda que pensemos o contrario, a auga é un recurso escaso, imprescindíbel para o consumo humano e industrial, para a gandaría a e a agricultura pero tamén para os ecosistemas acuáticos.