Seoane do Courel acolleu o acto de conmemoración dos 50 anos do Grupo Ornitolóxico Galego

GOG no Courel, en 1973, xusto diante da Casa Pombo, onde se descubriu unha placa conmemorativa.
O Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) foi un grupo de ornitólogos galegos creado en 1973, que deu pé, co tempo, á Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na que forma parte da súa Sección de Ornitoloxía.

Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía organizaron este sábado 2 de decembro, un acto para conmemorar os 50 anos de vida do Grupo Ornitolóxico Galego no Courel.

Así, a estación Científica do Courel, en Seoane do Courel acolleu a iniciativa, que está apoiada pola USC e pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel.

A xornada comezou ás 10.30 horas coa presentación por parte de autoridades e organizadores, que deron paso á primeira charla, na que se relatou a historia do nacemento deste grupo no Courel.

A seguir, Ignacio Munilla Rumbao foi o encargado de guiar o relatorio Cambios na paisaxe e na fauna Caurelá dende os anos 70, ás 12.30 horas. 

 

 

Xa ás 16 horas, despois dunha pausa para un xantar de confraternidade, tivo lugar un pasarrúas e descubriuse unha placa homenaxe a Manuel Rodríguez López -propietario do bar Casa Pombo, na localidade de Seoane- "pola súa hospitalidade e colaboración" co Grupo Ornitolóxico Galego. Xa ás 17 horas os participantes visitaron a ferrería restaurada de Seoane e ás 18 horas volveron a Seoane para despedirse.

Desde a Asociación de Desenvolvemento do Courel din que o acto serviu para “renderlles homenaxe a todos aqueles pioneiros deste grupo, que quixeron descubrir a fondo a nosa serra”.

O Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) foi un grupo de ornitólogos galegos creado en 1973, que deu pé, co tempo, á Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na que forma parte da súa Sección de Ornitoloxía. Xa que logo, a SGHN, herdeira directa do Grupo Ornitolóxico Galego, segue a desenvolver a liña de actuacións que este comezara. 

Entre os fundadores deste colectivo atopábanse persoas que logo desempeñarían un importante papel nos traballos de investigación e conservación do medio natural na Galiza, como José Guitián Rivera, Augusto de Castro, José Manuel Penas Patiño, Eduardo García Rodeja, Xan Silvar, Pedro Galán, Santiago Bas ou Carlota García Paz.