Xustiza

Abanca pide traducir ao español unha sentenza que a condena a devolver a un cliente 3.100 euros subtraídos por 'phising'

O 'phising' é un dos métodos de estafa máis estendidos. (Foto: Nós Diario)
A sentenza, á que tivo acceso 'Nós Diario', recoñece a responsabilidade do banco e non ve "neglixencia grave" do usuario, pois deu os seus datos persoais ao estafador porque o contactara polas canles oficiais de Abanca e, así, non sospeitara da fraude. A defensa da entidade, pola súa parte, exixiu a tradución da sentenza ao castelán alegando que "non radica na Galiza", o que obriga a interromper o prazo para presentar aclaracións, complementos e o recurso de apelación correspondente.

A fraude informática do phising é cada vez máis frecuente. Consiste, basicamente, na suplantación da identidade dunha empresa ou servizo de confianza, facéndose pasar por el, para que a persoa usuaria acceda a compartir información confidencial como datos persoais, contrasinais, números de conta ou tarxetas bancarias. Iso foi o que lle sucedeu en xullo de 2021 a un veciño de Xanceda (Mesía, comarca de Ordes) ao que lle subtraeron 3.100 euros a través do envío dunha serie de mensaxes SMS que imitaban o servizo de avisos de Abanca.

"Un dispositivo non autorizado está conectado a súa conta online. Se non recoñece este acceso, verifique inmediatamente", alertaba a mensaxe, que incluía o enderezo dun portal web creado a imaxe e semellanza do oficial da entidade bancaria para roubar a súa información persoal e que recibiu "na mesma canle na que Abanca lle enviaba ordinariamente notificacións", recolle a sentenza, á que tivo acceso Nós Diario.

Posteriormente, ese mesmo día, "recibe unha chamada telefónica no que aparece identificada 'Abanca Inmobiliaria', correspondéndose co número de atención ao cliente da entidade, no que se lle informa que se bloqueara a conta, por causa de que alguén intentara facer un cargo de 3.000 euros dende Alemaña, e para reactivala debía facilitar unha serie de códigos que tamén recibe na mesma carpeta de Abanca". E así o fixo a vítima, dada a aparencia de normalidade e oficialidade desas advertencias.

Pasados uns 20 minutos, o demandante recibe outra mensaxe informando dun cargo na súa conta, precisamente, por valor de 3.000 euros, polo que decide contactar o servizo de atención ao cliente, que lle notifica que foi vítima dunha estafa, alén de que se realizara un segundo cargo, perante transferencia, de 2.600 euros. Ao día seguinte interpón unha denuncia ante a Garda Civil de Ordes e reclama a Abanca a devolución e retrocesión dos cargos, ao que a entidade se nega, alegando que o seu cliente "facilitou as chaves de acceso á súa banca electrónica ao estafador e, seguidamente, o código de autenticación que a entidade envía ao número de teléfono móbil do titular, a través de SMS [...] sen atender as advertencias indicadas".

Abanca alegaba que a fraude "non tivo a súa orixe nun deficiente funcionamento" dos seus sistemas, senón na "neglixencia grave" do cliente, algo que a xuíza desbotou

Debemos incidir en que, no caso que nos ocupa, cumpríronse os requisitos de autenticación reforzada, contemplados no real decreto lei 19/2018 [...] que estabelece expresamente, no seu artigo 3.4, que se considerará autenticación reforzada de cliente a autenticación baseada na utilización de dous ou máis elementos categorizados como coñecemento (algo que só coñece o usuario), posesión (algo que só posúe o usuario) e inherencia (algo que é o usuario). Trátase de requisitos independentes. Isto é, a vulneración dun non compromete a fiabilidade dos demais. Por tanto, só nos queda concluír que as operacións sobre as que vostede versa o seu escrito de reclamación, non tiveron a súa orixe nun deficiente funcionamento dos nosos sistemas, senón no posíbel acceso por terceiras persoas aos seus datos e chaves, necesarios para a súa realización", xustificaron para desatender a petición.

Foi entón cando a vítima optou por acudir á vía xudicial da man do Bufete Raúl Meizoso Abogados, invocando a responsabilidade derivada dese mesmo decreto por Abanca "non ter alertado o demandante, permitir unha operación anormal e incumprimento dos requisitos de seguridade". E, finalmente, a maxistrada desbotou a hipótese defendida polo banco de que o cliente incorrera nunha "actitude neglixente" ao faiclitar as súas chaves, pois, "aínda cando poida afirmarse" a citada neglixencia, "non ten entidade suficiente para cualificarse como grave".

"A entidade bancaria, como resulta das manifestacións da testemuña-perito no acto do xuízo, tampouco tería mecanismos 'antiphishing' ou para impedir este tipo de fraudes perseguindo os posíbeis defraudadores que poidan utilizar o seu nome, nin tampouco sería posíbel, polo volume, detectar operacións non habituais e poñelas en coñecemento do cliente para comprobar se responden á súa vontade", precisa o auto. Abanca, que aínda pode recorrer a sentenza, foi condenada a abonar os 3.100 euros subtraídos ao seu cliente e pagar as custas procesuais ao concluír a xuíza que "a responsabilidade é do banco".

Tradución da sentenza ao castelán

Esta mesma mañá o letrado do demandante recibiu unha mensaxe inesperada na que a defensa de Abanca, entidade con domicilio social radicado en Betanzos, solicitaba a tradución da sentenza, emitida en lingua galega, ao castelán. "Sendo que a defensa letrada de Abanca non radica na Galiza e non ten, por tanto, coñecementos de galego, esta parte solicita a tradución da sentenza ao castelán", argumenta a representación legal do banco, nunha mensaxe remitida en castelán.

Esta petición supón a "interrupción do prazo para presentar aclaracións, complementos e o recurso de apelación correspondente", que deberán computarse na súa integridade "desde o día seguinte a que se notifique a esta representación a referida tradución", polo que obriga a atrasar a resolución final do caso.

"É a primeira vez que atopo algo así", afirma a este xornal o avogado do demandante, lembrando que o xuízo decorreu nos xulgados de Ordes o galego é "lingua cooficial" na Galiza e que, aínda no caso de que o banco decidise apelar a sentenza, "faríao ante a Audiencia Provincial da Coruña", polo que seguiría a ser totalmente válido a nivel xurídico o uso do galego.