Xuízo do Alvia

"Sempre vai haber erros humanos". Declara no xuízo do Alvia un dos peritos xudiciais

José Manuel Lamela no xuñizo do Alvia (Foto: Europa Press).
O primeiro dos tres peritos xudiciais que declaran no xuízo polo accidente do tren Alvia, José Manuel Lamela, que é enxeñeiro industrial, opinou que o "adecuado" sería pór "un segundo nivel de protección", posto que "sempre" vai producirse ao longo do tempo un "descoido" ou "erro" do ser humano.

O primeiro dos tres peritos xudiciais que declaran no xuízo polo accidente do tren Alvia, José Manuel Lamela, que é enxeñeiro industrial, opinou que o "adecuado" sería pór "un segundo nivel de protección", posto que "sempre" vai producirse ao longo do tempo un "descoido" ou "erro" do ser humano.

Así o destacou, ás preguntas do fiscal e das distintas partes, nunha nova sesión do xuízo, que se prolongou durante pouco máis dunha hora.

Lamela achegou dous informes en fase de instrución nos que analiza o material rodante, que "en principio" non detectou que tivese anomalías con relevancia no relativo á causa do sinistro.

Segundo subliña nestes documentos e tal e como ratificou esta cuarta feira, o exceso de velocidade co que o maquinista tomou a curva foi o que orixinou o descarrilamento, pero sería "adecuado", na súa opinión, que existise "un segundo nivel de protección", para evitar que a traxedia se producise en caso de "erro" ou "descoido" humano que precisamente provocase chegar á curva a máis velocidade da fixada.

Respecto diso, lembrou, ademais, que debía pasar de 200 a 80 quilómetros por hora nun tramo duns catro quilómetros, de aí o "adecuado" de "ter un segundo nivel" de protección.

O proxecto orixinal despregaba o sistema de control da velocidade 'ERTMS' até o final da liña, co que protexía a curva de Angrois. Após un cambio, este foi instalado até pouco antes da Grandeira.

A avogada do Estado, en representación de Adif, interrogouno sobre se non cre que a folgura na velocidade da curva (o administrador da infraestrutura ferroviaria sostén que a curva se podía tomar a 160 quilómetros por hora sen descarrilar) constitúe unha segunda barreira de protección, máis aló do factor humano. "Non", contestou este perito, tallantemente.

A súa recomendación dunha segunda barreira, segundo precisou, trasládaa a modo de "reflexión", posto que non é experto nesta materia.

"Probabilidade de erro altísima"

Con todo, como enxeñeiro si se referiu a estudos, por exemplo no ámbito da enerxía nuclear, que din que a probabilidade de erro co tempo é "altísima", polo que recomendan "segundos niveis de protección" para o caso de "descoido" ou "erro" do humano.

En enerxía atómica "todos os sistemas teñen polo menos dous ou se se quere ser moi prudente un terceiro" nivel de protección, segundo indicou.

En calquera caso, esta idea non a ampara "en nada normativo" posto que non profundou niso, e apuntou a que se lle pregunte aos outros peritos xudiciais, que declaran esta quinta feira (o enxeñeiro de camiños) e o martes que vén (o de telecomunicacións).

O avogado que representa a asociación de prexudicados preguntoulle se cre que esa segunda barreira debería estar no tren ou na vía, algo que evitou responder.

Máis adiante, o letrado que exerce a defensa do maquinista fixo referencia a que o pedal do home morto protexe a posibilidade de que falle o factor humano no convoi.