Esta semana arrinca a vacinación antigripal de maiores de 65 anos e usuarios e traballadores de residencias

Subminstración dunha vacina contra a gripe nunha enfermaría de Santiago en 2020.
Nesta semana do 25 de outubro comezará a ser citada tamén a poboación maior de 80 anos a través de SMS para a dose de reforzo contra a Covid-19.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ampliará esta segunda feira, 25 de outubro, a vacinación antigripal a persoas de 65 ou máis anos de idade e usuarios e traballadores de residencias de maiores e discapacidade, tras arrincar o día 18 co persoal sanitario.

Deste xeito, avanza a campaña de vacinación secuencial contra a gripe na Comunidade galega, para a que o Sergas contará con 885.800 doses, que supoñen 20.500 máis que o ano pasado, cun investimento de 5.259.157 euros.

 

O día 15 de novembro estenderase a vacinación antigripal a poboación de 60 a 65 anos, así como aos menores de 60 con patoloxías de risco

 

Posteriormente, o día 15 de novembro estenderase a vacinación antigripal a poboación de 60 a 65 anos, así como aos menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio, prematuros (de seis meses a dous anos), persoal de servizos esenciais, persoal por exposición laboral como traballadores de granxas avícolas e porcinas, e persoal de oficinas de farmacia.

O 29 de novembro o Sergas incorporará á vacinación antigripal, que se estenderá até o 31 de decembro, ao resto da poboación diana, así como os convivientes de persoas de risco.

Nesta campaña 2021, por unha banda, administrarase a vacina trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; outra de alta carga tetravalente para maiores de 60 institucionalizados en residencias, porque xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión; e finalmente disporase a tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación empeza a partir do seis meses.

Para vacinarse, Sanidade habilita 900 puntos de vacinación distribuídos en centros de Atención Primaria e Hospitalaria do Sergas, así como centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, centros penais, centros de menores e discapacitados, entre outras instalacións.

Sanidade incide na importancia de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e pide que non se acuda directamente sen ser citado. Así, lembra que se pode solicitar vía telefónica, a través da web do Sergas ou do propio centro de saúde.

 

Obxectivos

Por parte da Consellería de Sanidade fíxose un chamamento á poboación diana da campaña de vacinación contra a gripe a acudir a vacinarse porque con ela se diminúe a incidencia deste virus no grupo chamado a recibir a dose e redúcese o impacto sobre a presión asistencial.

Como obxectivo este ano, Sanidade márcase alcanzar unha cobertura igual ou superior ao 75 por cento nas persoas de 65 ou máis anos; e dun 60 por cento en embarazadas e persoas con condicións de risco.

Na campaña de 2020, que coincidiu en plena pandemia pola Covid-19, a resposta da cidadanía superou as expectativas da Administración galega que, ademais de confirmar unha "cobertura excepcional" da poboación e do persoal sanitario no inicio da campaña antigripal tamén recoñeceu "problemas puntuais" no caso das vacinas para menores de 65. A cobertura en poboación de 65 ou máis anos acadou, finalmente, o 71,66 por cento e o 74,6% entre o persoal sanitario, ademais do 68,25% en embarazadas. 

 

Os maiores de 80 anos serán citados nos centros de referencia de Atención Primaria determinados por cada Área Sanitaria para a vacinación, como cando recibiron as anteriores doses contra a Covid.

 

 

Dose de reforzo Covid-19

Como novidade nesta campaña, o pasado mércores o conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, explicou en rolda de prensa que nesta semana do 25 de outubro comezará a ser citada a poboación maior de 80 anos a través de SMS para a dose de reforzo contra a Covid-19 e, ao mesmo tempo, e unicamente a este grupo de idade, ofreceráselles porse a vacina antigripal.

Os maiores de 80 anos serán citados nos centros de referencia de Atención Primaria determinados por cada Área Sanitaria para a vacinación, como cando recibiron as anteriores doses contra a Covid.

Sanidade lembra que se lles ofertará a vacina da gripe ao mesmo tempo que a dose de reforzo contra a Covid porque "ambas se poden administrar no mesmo acto vacunal aínda que en lugares anatómicos diferentes".

Posteriormente, segundo as previsións de Sanidade a mediados ou finais de novembro, comezarán a administrar a dose de reforzo para a poboación de 70 a 79 anos, que accederá á vacinación fronte á gripe a partir do 25 de outubro.

E, cando transcorran seis meses desde a segunda dose fronte á Covid-19 --entre mediados e finais de novembro--, "todo este grupo poboacional será citado para recibir a dose de reforzo", engade a Consellería. Para iso, o conselleiro asegurou que posiblemente se recuperarán centros de vacinación masiva para administrala.