Dados de Erguer

O seguimento da greve é de 90% no ensino medio e de 85% no universitario

Convocada por Eguer e apoiada pola Plataforma galega en defensa do ensino público, pide a retirada da Lomce e do modelo ‘3+2’. Ao longo do día decorrerán perto de 30 mobilizacións e concentracións nas diferentes comarcas do país. VÍDEO NO INTERIOR.

O seguimento da greve convocada para esta quinta feira no ensino galego está a ser moi alto, segundo os datos facilitados por Iria Figueroa, responsábel nacional de Organización de Erguer, o sindicato convocante: 90% de seguimento no ensino medio e 85% no universitario. A xornada de greve, que ten o apoio da Plataforma galega en defensa do ensino público, convocouse para rexeitar o modelo educativo que supón medidas como a Lomce ou o modelo ‘3+2’ e tamén para demandar un ensino público acaído á realidade galega.

A media mañá comezaban as mobilizacións: 9 manifestacións e 6 concentracións que decorreron en diversas cidades e vilas galegas coa participación de centos de estudantes. Tamén tomaron parte nas mobilizacións representantes de organizacións políticas como BNG e En Marea.

Nalgunhas das manifestacións houbo un amplo despregue policial, presenza que tamén se fixo notar nalgúns campus, como o Campus Sur da USC. Pola tarde hai convocadas novas concentracións, pola Plataforma galega en defensa do ensino público.

A xornada de protesto e mobilización que se convoca en Galiza “e autoorganizada polo estudantado do país”, en palabras de Erguer, enmárcase nun mes de mobilizacións no ensino das diferentes nacións do estado. Así, o día 9 decorreu unha greve en Catalunya e o vindeiro 23 terá lugar en Euskal Herria.

Con esta greve o estudantado mobilízase contra a Lomce e o tamén coñecido como ‘3+2’, modelo que procura cambiar os graos ao sistema de 3 anos de grao e 2 de másteres (que son máis caros). “O encarecemento da formación completa coa implantación deste modelo non é difícil de imaxinar, un ano medio de grao vale 713 euros, un ano medio de posgrao – público – vale máis do dobre, 1501 euros”. 

Cuestións como os recortes en educación, a masificación, redución do profesorado, os pactos educativos ‘fraudulentos’, a marxinación do galego.., son tamén denunciadas nunha xornada de protesta na que se defende o dereito das galegas e galegos a "construír un sistema educativo de noso". 

Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorouse "moi positivamente" o seguimento da greve e di que esta resposta “evidencia o rexeitamento case unánime á LOMCE e aos recortes educativos” e que avala ademais a demanda dunha lei galega de educación que teña en conta as necesidades do noso sistema educativo.

As fotografías de capa e interior son de Natalia Porca Rodríguez. As imaxes inseridas no texto son de Erguer