Iria Figueroa

“A Lomce e o modelo 3+2 son a parella letal para o ensino público galego”

Imaxe: GZ Fotos

Esta quinta feira, 16 de febreiro, hai greve no ensino  secundario convocada por Erguer e co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Falamos coa responsábel nacional de Organización de Erguer.

Greve no ensino secundario e universitario de Galiza esta quinta feira, 16 de febreiro, convocada por Erguer, contra a Lomce e o modelo ‘3+2’. Un paro que conta co apoio da Plataforma galega en defensa do ensino público e que se traducirá, ademais do paro nas aulas, en manifestacións e concentracións  en cidades e vilas do país.

- Unha nova mobilización no ensino, un dos sectores que durante estes anos máis veces saíu á rúa. Ten esta greve as mesmas causas e reivindicacións que as anteriores ou hai novidades?

- Hai unha intención de facer ver que as cousas están en vías de solución, que houbo variacións, cando a realidade non variou apenas. As reválidas están adiadas, non suspendidas; a Lomce mantense e na universidade vemos como a conferencia de reitores propuña que o modelo ‘3+2’ se aplicase no vindeiro curso, primeiro nos graos de nova creación para despois estenderse ao resto. Este é o camiño de elitización da universidade, de facela para uns poucos, é inadmisíbel pois o prezo da matrícula pasa a duplicarse.

- Como notastes o ambiente nos centros de ensino durante estas semanas?

- O estudantado quer mobilizarse. Percibímolo nas asembleas, xuntanzas... realizadas durante todo este tempo. Hai un descontento moi grande, de aí esta folga, que é a primeira folga galega no ensino secundario e universitario xuntos en moito tempo. Sabemos que é un reto duro, non hai cobertura dos principais medios como cando hai unha convocatoria estatal. O ano pasado houbo folgas en abril e novembro, o referendo sobre a Lomce en institutos de diferentes comarcas do país... e todos tiveron unha boa recepción. O estudantado ten gañas de responder ás agresións ao ensino público.

- A do 16 de febreiro en Galiza é unha greve que se enmarca nun mes de mobilizacións nas que están a do día 9 en Catalunya e a do 23 en Euskal Herria... Por que esta dinámica?

- Desde o nacemento de Erguer temos relación cos sindicatos de estudantes catalán e vasco. O que procuramos é a través da cooperación internacionalista amosar que a loita estudantil, ademais de estar relacionada coa liberación nacional, ten a ver coas necesidades propias de cada país, tamén no ensino. Así, por exemplo, aquí unha das cuestións que nós demandamos neste protesto, ao igual que a Plataforma galega en defensa do ensino público, é pular por unha Lei Galega de Educación,l da cal carecemos actualmente.

- A que vos referides cando falades dunha Lei galega de educación?

- A Lomce o que pretende é uniformizar, pasar o rolete polas diferentes realidades. Nós apostamos por unha lei galega que dea resposta e atenda a situación galega. O que temos claro é que, por exemplo, debe ter un compromiso claro coa normalización lingüística. A Lomce é tan agresiva co galego que nin sequera respecta o ‘decretazo’ de Feijóo, un decreto que xa de por si recortaba bastante a presenza do noso idioma.

Ademais, tería que ser unha lei que apostase nun ensino pedagóxico e unha lei que debe contar cos docentes e cos estudantes.

- O ensino foi o gran damnificado nestes anos de crise..

- A crise deulles a oportunidade para aplicar un modelo, que desde logo non é o modelo público. A Lomce e o ‘3+2’ son a parella letal para o ensino público galego. Nestes anos anos vemos como, curso tras curso, comezamos con menos unidades educativas no público e máis na privada. Sufrimos os recortes, como nas bolsas de estudo, menos profesorado, menos medios... Non temos dúbidas de que isto responde a unha aposta do goberno español e da Xunta, que pasa por favorecer a privada. Facer peneira no ensino secundario e favorecer unha universidade elitizada.